- Aberta á cidadanía e tamén ao alumnado será o vindeiro luns 15 de setembro ás 16:30 horas
Co obxectivo de difundir a obra e o coñecemento do creador Alfonso Pexegueiro, o Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra organizan a presentación dun libro que analiza a obra e a personalidade do poeta ponteareán. Será o vindeiro luns, día 15, no IES Val do Tea baixo os castiñeiros da súa aula exterior.
Aberta á cidadanía e tamén a alumnado dos centros educativos, “O exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro” está editado pola Deputación de Pontevedra e elaborado por un grupo de profesores universitarios e de Educación Secundaria.
Explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, que o acto se engloba dentro do programa de actividades organizadas polo Concello de Ponteareas para conmemorar os 50 anos da publicación do poemario “Seraogna”, unha obra referencial na traxectoria de Pexegueiro e de enorme importancia no devir das letras galegas.
“O exilio de nacer” xira en torno á figura do poeta e analiza distintos aspectos relacionados coa súa escrita: o seu pensamento, a súa vinculación coa aldea natal e a paisaxe, a súa vertente performativa, o seu auténtico papel na creación do grupo Rompente, a súa concepción da infancia e o seu achegamento á literatura infantil, ou a súa faciana dramática, entre outros temas. Nel participan un total de once autores entre os que atopamos profesores universitarios como David Souto ou a académica María López Sández, xunto a profesores de Lingua e Literatura de Secundaria, e algúns colaboradores habituais de Pexegueiro, nun traballo dirixido e coordinado pola catedrática Nuria Araújo.
O resultado é un conxunto de artigos de distinta extensión nos que se debuxa un perfil atípico do autor e se ofrecen diversas pautas para facilitar a comprensión do seu entorno lírico e a súa concepción do mundo. Un achegamento a unha das figuras máis representativas da literatura galega do último medio século.
A alcaldesa Nava Castro e o concelleiro de Ensino así como a Deputación de Pontevedra convidan a toda a cidadanía a asistir e coñecer un pouco máis da figura de este creador multidisciplinar. “Seguiremos difundindo a figura das e dos nosos creadores, daqueles que prolongan o forte vínculo da arte e da cultura con Ponteareas e queremos que a nosa cidadanía e, en especial, a xuventude coñeza o patrimonio e o legado que moitas e moitos ponteareáns queren compartir”.
Para asistir é necesario reservar praza no correo electrónico alcaldia@ponteareas.gal sendo o aforo limitado.