“Formación de calidade sen saír da túa vila, da man de profesionais da Universidade Nacional a Distancia, con prezos públicos e con facilidades para asistir de xeito presencial ou online” así introducía a alcaldesa Nava Castro o curso de verán programado na sede da extensión universitaria da UNED en Ponteareas, “O poder da educación emocional: benestar persoal e relacións positivas”.
Coa finalidade de mellorar as habilidades persoais enfocadas tanto ao ámbito das relacións sociais como profesionais a UNED organiza este curso que se impartirá do 7 ao 9 de xullo e para o que xa está aberto o prazo de inscrición a través da páxina https://www.uned.es/universidad/inicio/estudios/cursos-verano.html
“A formación e orientación en competencias emocionais é fundamental para aprender a xerar estados emocionais positivos e, á vez, xestionar outras emocións como ansiedade, desesperación, tristeza, apatía, etc. que xorden en momentos determinados, e que condicionan a nosa saúde e benestar”, explicou Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria do Centro Asociado da UNED en Pontevedra.
Xunto á alcaldesa, Nava Castro, presentou este curso que a través de relatorios teóricos e talleres prácticos aborda o ensino de competencias emocionais e estratexias de regulación emocional aplicadas ao ámbito persoal. O curso complétase con catro horas de consulta de materiais e participación activa do estudante no foro do curso virtual.
O curso será impartido polo Departamento de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación II da UNED, dirixido por Mario Pena Garrido e coordinado por Lidia Losada.
Ao longo dos tres días, profesores de distintas Universidades Españolas completarán o programa das clases que se impartirán en horario de mañá e tarde. O alumnado que complete toda a formación recibirá un crédito ECTS.
No seu primeiro ano de funcionamento en Ponteareas, a UNED ofreceu máis de 50 cursos que superan entre todos máis de 2.000 persoas participantes. “A UNED supón unha oportunidade para retomar os estudos, para mellorar a túa formación ou para participar en actividades de lecer de calidade sempre impartidas por profesionais e expertos que conectan ao alumnado con persoas de toda España e que posicionan a Ponteareas no ámbito da formación e ensino regrado”. Salienta a alcaldesa que neste ano persoas que non tiveran ante ocasión de retomar os seus estudos básicos puideron finalizalos ao ofrecer a UNED un horario flexible e programacións didácticas adaptadas ao perfil das e dos estudantes de cada formación.
PROGRAMA
Luns, 7 de xullo de 2025
(17:00 – 19:00)
A vida breve ou a importancia da educación emocional
Mario Pena Garrido. Decano Facultade Educación.UNED.
(19:00 – 21:00)
Os teus ollos: unha porta á emoción (Modelos básicos da emoción, movementos oculares e pupilometría)
Antonio Crespo. Director departamento Psicoloxía básica II. UNED.
Martes, 8 de xullo de 2025
(10:00 – 12:00)
Estratexias de regulación emocional para mellorar a saúde mental I
Manuel Javier Cejudo. Vicedecano de Prácticas e Estudos. Universidad de Castilla La Mancha.
(12:00 – 14:00)
Estratexias de regulación emocional para mellorar a saúde mental II
Manuel Javier Cejudo
Lida Losada. Secretaria académica Facultade Educación. UNED.
(17:00 – 19:00)
Emocións na Era Dixital ou como a Tecnoloxía redefine os nosos sentimentos
Elena Ruiz. Profesora Doutora Escola Enxeñeiros Informáticos. UNED.
(19:00 – 21:00)
Emocións e relacións interpersoais
Miguel Ángel Santed. Vicerreitor Formación Permanente e Extensión Universitaria. UNED.
Mércores, 9 de xullo de 2025
(09:00 – 11:00)
Favorecer o noso equilibrio mental: Claves para comprender as túas emocións
Ruth Castillo. Directora de Deseño Académico. UCJC.
(11:00 – 13:00)
Favorecer o noso equilibrio mental: Claves para regular as túas emocións
Ruth Castillo