- O sábado 14 de marzo o auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá o concerto “Gira dos 40 anos Canto D’Aqui”
O Concello de Ponteareas continúa reforzando os vínculos culturais con Portugal a través da súa participación no XII Festival Converxencias (Festival Cultural Convergências Portugal-Galiza), un evento de referencia que promove o diálogo artístico e lingüístico entre Galicia e o norte de Portugal.
O concelleiro de Letras, Ricardo González, adianta que no marco desta programación transfronteiriza, o sábado 14 de marzo o auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá o concerto “Gira dos 40 anos Canto D’Aqui”, unha homenaxe musical ás figuras de Zeca Afonso e Rosalía de Castro, símbolos da cultura e identidade compartidas entre ambos territorios.
A duodécima edición do Festival Converxencias, presentada en febreiro de 2026 pola Xunta de Galicia xunto con diversas institucións culturais, consolídase como un espazo de encontro arredor da lusofonía e da creación contemporánea, destacando a estreita relación histórica e cultural entre Galicia e Portugal.
O festival desenvolverase entre o 10 de febreiro e o 15 de marzo en distintas localidades de ambos países. Ademais de Ponteareas, en Galicia participan tamén Padrón, A Estrada e Santiago de Compostela, mentres que en Portugal o programa inclúe actividades na cidade de Braga.
Difusión dos grupos locais
Grazas a esta iniciativa o grupo de teatro ponteareán Pena do Equilibrio e o grupo Pedra da Garza compartirá proxecto con creadores e artistas recoñecidos como Uxía, Cátia Cardoso, Elba Pedrosa, Iván Castiñeiras, a Escola Municipal de Artes de A Estrada, o grupo de danza e música tradicional galega Tequexetéldere e Pablo Bernández Cuarteto, Canto D´Aqui, o cineclube de Braga, José Manuel Mendex ou o Grupo Folclórico Dr. Gonçalo Sampaio.
En concreto o grupo Pedra da Garza ofrecerá este 1 de marzo o espectáculo “Danças e Cantares da Raia” co grupo folclórico portugués Dr. Gonçalo Sampaio. Será ás 16:00 horas na Praça da República. O grupo Pena do Equilibrio actuará o 6 de marzo ás 21:30 horas na sala da Junta de Freguesia de Tenoes, Braga.
Con máis dunha década de traxectoria, o Festival Converxencias é definido como un diálogo artístico vivo que achega as culturas galega e portuguesa a través da música, a literatura e outras expresións creativas. Nesta edición conta con 16 actividades culturais, reafirmando o seu papel como ponte cultural entre territorios irmáns.
A participación de Ponteareas neste festival internacional pon de manifesto a aposta do Concello pola cooperación cultural, a dinamización artística e a proxección do municipio en redes culturais de ámbito galego-portugués.
A alcaldesa Nava Castro adianta que o desenvolvemento de Ponteareas irá ligado á Cultura e ás Artes en todas as súas disciplinas e salienta a oportunidade que supón para os grupos locais conectar con grupos profesionais e con experiencia internacional, “as Converxencias supoñen un enriquecemento en moitos sentidos ao poder ofrecer unha programación conxunta aberta á cidadanía, de carácter internacional e que tamén sexa unha plataforma de lanzamento para o talento local”.



