HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas exemplo de boas prácticas na xornada “Cara á...

O Concello de Ponteareas exemplo de boas prácticas na xornada “Cara á Transformación Dixital: plans locais de I+D+I” organizada pola Xunta de Galicia

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Ponteareas explicou os procesos de domotización para acompañamento de persoas maiores, a dixitalización do conservatorio ou a modernización da administración local

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, participou na xornada “Cara á Transformación Dixital: plans locais de I+D+I”, organizada pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, onde foi convidada a intervir nunha mesa redonda titulada “Innovando desde o local: casos prácticos” xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a secretaria de Administración Local de Riba-roja de Túria (Valencia).

Ponteareas foi convidada como exemplo de modernización e innovación desde o ámbito local, recoñecendo o proceso de transformación dixital impulsado polo Concello nos últimos dous anos. Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que “a innovación non é unha opción, senón unha necesidade para responder mellor ás demandas da cidadanía”, subliñando que os concellos teñen un papel clave na mellora dos servizos públicos a través da tecnoloxía.

Nava Castro explicou que o Concello partía dun escenario de clara obsolescencia dos servizos municipais, polo que se apostou por unha modernización integral, combinando actuacións sinxelas con grandes proxectos estratéxicos, sempre co obxectivo de facilitar o día a día das persoas e ofrecer servizos públicos útiles, accesibles e actuais.

Un dos proxectos máis ambiciosos foi a transformación dixital integral do Conservatorio Municipal de Música, cun investimento de 130.000 euros e máis de 220 alumnas e alumnos beneficiarios. O proxecto inclúe un software integral de xestión académica con intelixencia artificial, paneis interactivos en 24 aulas, dispositivos dixitais para partituras, videoconferencia, control electrónico de accesos e 19 novos equipos informáticos, contando ademais coa colaboración do Conservatorio Superior de Música de Ponteareas.

A innovación, sinalou a alcaldesa, tamén debe ser inclusiva e humana. Neste senso, destacou os proxectos dirixidos ás persoas maiores que viven soas no rural, como a domotización dos fogares, que xa dará servizo a 70 usuarios, grazas a un convenio coa Cruz Vermella e o apoio do GDR Terra e Auga. Entre as iniciativas postas en marcha atópanse Enredando.gal, o Laboratorio Experiencial e o proxecto de atención multivídeo no domicilio, que integran tecnoloxías dixitais, dispositivos intelixentes de monitorización, gamificación e atención personalizada para mellorar a seguridade, a saúde e o benestar.

A alcaldesa tamén salientou a dixitalización de aproximadamente o 90 % dos trámites municipais, a simplificación da matrícula do Conservatorio Municipal de Música, que pode realizarse desde calquera dispositivo móbil, e a implantación do pago con tarxeta no Concello para impostos, taxas e servizos, eliminando desprazamentos e trámites innecesarios.

Paralelamente, mellorouse a páxina web municipal, facéndoa máis intuitiva e accesible, e puxéronse en marcha novas canles de comunicación coa cidadanía, como WhatsApp Business, para informar da axenda cultural e deportiva.

Entre as actuacións levadas a cabo destacou a implantación de pechaduras dixitais nas instalacións deportivas municipais, xunto coa reserva de pistas a través da web municipal. Un sistema que beneficia a máis de 7 clubs deportivos, permite o acceso mediante códigos personalizados e achega datos reais de uso para mellorar a planificación e a xestión.

Outro avance significativo foi o acceso dixital á biblioteca pública municipal, converténdoa nun espazo dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, para persoas maiores de idade con incompatibilidade horaria, dando resposta a necesidades reais de estudo e formación e que na actualidade utilizan 80 persoas.

“Innovar desde o local significa poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, modernizar sen perder a proximidade e demostrar que os concellos podemos liderar procesos de transformación real, útil e sostible”, concluíu a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas