HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas fai balance das obras realizadas nos centros educativos

O concello de Ponteareas fai balance das obras realizadas nos centros educativos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas comeza o curso escolar facendo balance das intervencións realizadas nos meses de verán nos centros educativos públicos de infantil e primaira. 

Con recursos propios o Concello transformou a casa do conserxe do CEIP As Veigas nunha aula para alumnado con necesidades educativas específicas, obras que afrontan a fase final de equipación e mobiliario. Para esta transformación as e os traballadores do departamento de Ensino realizaron obras de desescombro, instalación eléctrica, alicatado, enlucido, pintado, carpintería de aluminio, rampas de acceso e colocación de solos entre outros traballos.

Nos centros executáronse limpezas exteriores, poda de vexetación, reparación de canalóns, reparación de persianas, colocación de solos, traballos de fontanería, pintado, soterrado de tubaxes, acondicionamento de patios e obras de mantemento en xeral. A estas obras hai que sumarlles as de mellora da eficiencia enerxética con cambios de fiestras e intervencións en envolventes.

Comezo de curso sen incidencias

No día de hoxe tamén se activaban as aulas matinais, de comedor e tardías. Un servizo que segundo explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, facilita a conciliación familiar e laboral tanto nos centros públicos do centro urbano como nos do rural.

O servizo de aula matinal, de comedor e tardía beneficiou a máis de 200 alumnos e alumnas no curso pasado e prevé que para este ano se aumente considerablemente o número de usuarias/os.

“Quero agradecer o intenso traballo realizado polos traballadores deste departamento que en tan só dous meses atenderon a necesidades de mantemento pero tamén a importantes reparacións e intervencións de albanelería como no caso da casa do conserxe de As Veigas”. Engade o concelleiro que nestes días remataranse os traballos que afrontan a súa recta final e que se supervisará a incorporación de alumnado á aula matinal co obxectivo de satisfacer as demandas e necesidades de todas as familias. Un servizo que ofrece cobertura a primeira hora da mañá, ao mediodía na aula de comedor do CEIP Santiago de Oliveira e de tarde no CEIP Feliciano Barrera de Guláns.

Ao longo desta semana o concelleiro de Ensino e a alcaldesa, Nava Castro, visitarán algunhas das aulas de conciliación familiar e laboral nas que nenas e nenos quedan ao coidado de profesionais cos que aprenden, socializan e xogan.

Publicacións Relacionadas