O Concello de Ponteareas inaugurou esta mañá as xornadas literarias A voz e a palabra, dedicadas á análise da obra e pensamento do poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro. Estas xornadas reúnen na Residencia Artistea a especialistas, docentes, escritores e público interesado arredor dunha das figuras máis innovadoras da literatura galega contemporánea.
A recepción das persoas participantes tivo lugar ás 11:30 horas, nun acto de benvida no que participaron a alcaldesa de Ponteareas Nava Castro, o concelleiro de Letras Ricardo González, e o propio autor, que saudaron tanto ao público asistente de forma presencial como ás persoas conectadas en liña. As xornadas, que contan con preto de 50 persoas inscritas, seguirán durante dous días un programa centrado na análise e divulgación da traxectoria literaria de Pexegueiro.
Durante a apertura, o concelleiro de Letras destacou a relevancia do autor para a vida cultural da vila e o valor pedagóxico da iniciativa, sinalando que “Alfonso Pexegueiro é unha figura moi vinculada á nosa comunidade e grazas á súa colaboración estamos a desenvolver tamén actividades nos centros educativos para achegar ás novas xeracións a súa obra e a importancia da súa achega á literatura galega”.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro agradeceu a participación do público, do equipo organizador e das entidades colaboradoras, así como o compromiso das persoas relatoras participantes. Castro subliñou que estas xornadas nacen co obxectivo de “reflexionar colectivamente arredor da traxectoria dun autor fundamental coincidindo co 50 aniversario da publicación de Seraogna, unha obra clave para comprender a renovación da poesía galega contemporánea”, ao tempo que puxo en valor a colaboración da UNED e o traballo desenvolvido polo Departamento de Letras municipal para facer posible o encontro.
Tras a apertura institucional desenvolveuse a primeira das intervencións, a cargo de Fátima Ferreiro, quen afondou na memoria, as orixes e a dimensión evocadora da obra do poeta a través dunha charla titulada “Memoria e orixes na obra de Alfonso Pexegueiro: o trazo que recorda, o verso que regresa”, inaugurando así un ciclo de reflexión que continuará ao longo da fin de semana.
Durante a tarde deste venres, o programa continuará coa participación do profesor Isaac Lourido, que abordará a posición da escrita de Pexegueiro dentro da cultura galega autonómica, e do filósofo e editor Roberto Abuín, quen ofrecerá unha lectura interpretativa da súa obra poética desde unha perspectiva simbólica e contemporánea.
As xornadas seguirán o sábado cunha nova sesión dedicada a analizar diferentes dimensións da creación do autor. O escritor e investigador David Souto reflexionará sobre o carácter alternativo e crítico da súa proposta literaria, mentres que o crítico e profesor Armando Requeixo situará a figura de Pexegueiro no contexto da literatura galega actual.
Pola tarde, a filósofa e escritora Paula Domínguez pechará o ciclo de conferencias cunha intervención centrada na dimensión universal do autor e na transcendencia do seu pensamento creativo.
O encontro culminará coa proxección do recital poético-musical A illa das mulleres loucas, gravado no Teatro Principal de Compostela en maio do 2011, no que Alfonso Pexegueiro participa como narrador acompañado polas actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini e polos músicos Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa), unha proposta que combina palabra, música e escena para achegar ao público unha experiencia artística completa arredor da súa obra.
No marco da inauguración, o propio Alfonso Pexegueiro reflexionou sobre o papel da poesía no contexto actual, destacando que “nun momento marcado pola incerteza e a confusión, a poesía continúa sendo un espazo de dignidade humana e responsabilidade ética, no que a palabra adquire un compromiso profundo coa realidade”.
As xornadas A voz e a palabra están organizadas polo Concello de Ponteareas en colaboración coa UNED e enmárcanse nas actividades impulsadas para conmemorar o 50 aniversario da publicación de Seraogna, a primeira obra do autor, considerada un fito renovador da poesía galega contemporánea.
Con esta iniciativa, o Concello busca promover o coñecemento da literatura galega e poñer en valor o legado cultural dun creador fundamental, reforzando ao mesmo tempo o papel de Ponteareas como espazo de encontro arredor da cultura e do pensamento.



