• A alcaldesa e o concelleiro de Ensino visitaron aos docentes e alumnado da aula de Areas
• Os traballos consistiron na substitución do tellado e de toda a estrutura, instalación dunha carpintería completa de aluminio e obras de mantemento exterior
A alcaldesa do Concello de Ponteareas Nava Castro e o concelleiro de Ensino Ricardo González visitaron a aula de Areas do CRA A Picaraña para inaugurala despois das obras realizadas durante os últimos meses.
O concelleiro detallou que “esta aula tiña grandes deficiencias e as familias levaban varios anos demandando o seu arranxo por iso intervimos o máis rápido posible. Dende o Concello tomamos a decisión de buscar a solución máis inmediata, pero tamén máis efectiva para asegurar o benestar dos alumnos e alumnas. No caso deste aula realizáronse obras de eficiencia enerxética co cambio de todas as ventás e portas que permiten maior eficiencia térmica e acústica. Ademais substituíuse o tellado e toda a súa estrutura, que estaban moi danados e filtraba auga provocando goteiras no interior. Unha intervención similar tamén se fixo na aula de Pías co cambio de tellado”. O concelleiro engade que na aula de Areas tamén se realizaron obras de mantemento básico de exteriores, pintado de aulas e, sobre todo, acondicionamento das zonas de xogo dos pequenos e pequenas, para telo a punto neste inicio de curso”.
A alcaldesa sinalou que “o obxectivo era buscar unha mellora eficiente para que os rapaces e rapazas se sintan o máis cómodos posibles nas aulas, xa que é unha parte importante no seu día a día. E conseguímolo. Ter aulas como as do CRA A Picaraña é un luxo para a educación dos rapaces, por iso queremos seguir manténdoas, pero coa comodidade e calidade que merecen”.
O director do CRA A Picaraña, David Mazaira, deu as grazas ao Concello “pola súa clara aposta por este tipo de escolas e, sobre todo, por non só ter palabras, senón cumprir con feitos as necesidades que se viñan dando nas diferentes aulas”.