O Concello de Ponteareas vén de iniciar as obras de transformación dunha vivenda en ruínas situada na rúa Ferreiros, no conxunto histórico da Praza Vella, que albergará a futura Oficina de Turismo municipal e o Museo do Corpus.
A actuación, adxudicada por un importe de 441.529 euros, permitirá recuperar un inmoble cunha fachada de pedra granítica plenamente integrada no tecido tradicional do centro histórico, devolvéndolle o seu valor arquitectónico e patrimonial ao tempo que se lle dota dun novo uso público.
O proxecto contempla a creación da Oficina de Turismo na planta baixa, mentres que a planta semisoto acollerá o Portal do Corpus, que funcionará como espazo de apoio durante a elaboración das alfombras florais e, fóra dese período, como museo visitable ao longo de todo o ano.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou que “co inicio destas obras damos un paso decisivo na recuperación dun edificio que levaba anos degradándose. Non só estamos rehabilitando patrimonio, estamos xerando un novo espazo público vinculado á nosa identidade e á nosa principal festa, creando dinamización cultural e turística no corazón do casco histórico”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que “esta actuación supón cumprir cun compromiso claro coa posta en valor do centro histórico e co recoñecemento que merece o Corpus Christi, a celebración que máis proxectou o nome de Ponteareas dentro e fóra de Galicia”. A rexedora engadiu que “seguimos avanzando nun modelo de vila que aposta pola rehabilitación fronte ao abandono, pola vida nos barrios históricos e por fortalecer a nosa identidade cultural como motor de desenvolvemento”.
Esta intervención enmárcase nas políticas municipais de recuperación e dinamización do casco histórico, complementando outras actuacións como a Área de Rehabilitación Integral (ARI), que permitiu xa a recuperación de vivendas e espazos no centro urbano.
Coa posta en marcha destas obras, Ponteareas avanza na creación dun espazo de referencia para a promoción turística e a divulgación permanente do Corpus Christi, reforzando o seu atractivo cultural e consolidando o centro histórico como un ámbito vivo e activo durante todo o ano.



