A Concellería de Comercio do Concello de Ponteareas mantivo esta semana un encontro con locais de hostalaría do municipio para comezar a preparar unha nova edición de “Saborotea”, a iniciativa gastronómica que busca poñer en valor a hostalaría local e dinamizar a actividade económica da vila.
Durante a reunión, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, animou aos establecementos hostaleiros a sumarse a esta proposta que cada ano conta cunha maior participación e que pretende visibilizar o traballo do sector e atraer público aos locais do municipio.
“Saborotea é unha oportunidade para promocionar a nosa hostalaría, dar a coñecer a calidade das súas propostas e contribuír á dinamización económica de Ponteareas”, sinalou o edil, que destacou tamén a importancia de traballar da man do sector para seguir consolidando esta iniciativa.
Na anterior edición participaron un total de 11 locais, que durante as xornadas de venres, sábado e domingo ofreceron almorzos completos a prezos especiais. Desde primeira hora da mañá e ata o mediodía, veciños e visitantes puideron comezar o día con propostas gastronómicas pensadas para desfrutar dun almorzo diferente nos establecementos participantes.
A iniciativa tamén incluíu premios para o público. As persoas que probaron tres almorzos diferentes puideron participar no sorteo de agasallos aportados polos propios locais participantes, fomentando así que o público visitase varios establecementos e coñecese a variedade da oferta hostaleira local.
Ademais, as propostas presentadas polos locais foron avaliadas por un xurado formado por profesionais da cociña e da hostalaría do centro de formación A Cancela, que visitaron cada un dos establecementos participantes para valorar as diferentes elaboracións. Entre os criterios de avaliación destacaron aspectos como a creatividade, o servizo, a calidade e a innovación.
Coa posta en marcha dos preparativos desta nova edición, a Concellería de Comercio continúa a traballar para reforzar a colaboración co sector hostaleiro e impulsar iniciativas que contribúan a dinamizar o comercio e a actividade económica de Ponteareas.



