HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas licita a mellora da rede viaria no centro...

O concello de Ponteareas licita a mellora da rede viaria no centro urbano

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas, no exercicio das súas competencias en materia de infraestruturas viarias de titularidade municipal, vén de abrir o proceso de licitación para a execución do proxecto “Pavimentación de rúas municipais do centro urbano”, unha actuación destinada a mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza nos principais viais do núcleo urbano. O prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o día 20 de novembro.

O proxecto técnico define as obras necesarias para a rehabilitación e repavimentación das rúas Braña, Perillana, Carballos, Orotava, Alcalde Ramiro Sabell e Barrio A Moscadeira, todas elas situadas dentro do centro urbano de Ponteareas e incluídas na planimetría do PXOM aprobado definitivamente o 30 de setembro de 2021.

Trátase de rúas de titularidade municipal que presentan un estado deficiente de conservación, con desgaste da capa de rodadura e deterioro da sinalización horizontal, polo que resulta preciso intervir para garantir unhas condicións adecuadas de tránsito, seguridade e confort dos usuarios, así como para mellorar a imaxe do espazo público. O orzamento base de licitación, sen impostos, ascende a 92.363,99 euros, un total de 111.760,43 euros.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Vías e Obras, Juan Carlos Glez. Carrera, destacou que “estas actuacións son necesarias para manter en bo estado as vías municipais e garantir a seguridade da circulación tanto de vehículos como de peóns algo prioritario para este goberno que ao parecer non o era para anteriores gobernos dado o estado de abandono no que se atopaban”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, salientou que esta intervención “forma parte da aposta do goberno local pola mellora integral dos servizos e infraestruturas municipais, moitos deles obsoletos ou en condicións precarias. Queremos seguir avanzando cara a unha vila máis accesible, segura e cómoda para toda a cidadanía”.

Publicacións Relacionadas