- Ponteareas posiciónase como lugar de referencia para a aprendizaxe e o entretemento arredor da música
Formación e entretemento cunha oferta de calidade sen afrontar desprazamentos é unha das máximas do goberno de Ponteareas que vén de presentar un Festival de Jazz renovado con novidosas propostas e convidando a toda a cidadanía a participar vestido ao estilo dos anos 20.
Dentro das novidades do Festival de Jazz está a masterclass “A linguaxe do jazz” impartida por Felipe Villar, director do NigranJazz e docente no conservatorio Mayeusis. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer formación á ampla comunidade de músicos e afeccionados á música de Ponteareas e tamén dos concellos da área metropolitana, “e que atopen en Ponteareas un lugar de referencia para a aprendizaxe e tamén para o desfute da música en todos os seus estilos”, matiza o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura Juan Carlos González.
A masterclass de jazz enmárcase dentro do programa do Festival de Jazz que terá lugar o vindeiro 2 de agosto e no que ao longo de todo o día se sucederán distintas propostas. A masterclass será ás 19:15 horas no conservatorio e todas as persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a conservatorio@ponteareas.gal indicando o nome, apelidos e a súa intención de reservar praza para o obradoiro de jazz.
O festival ofrecerá unha programación variada que combina formación, divulgación, música en directo e animación nas rúas. Entre as actividades previstas está a charla-presentación “O jazz en Galicia”, a cargo do profesor e investigador Adrián Besada, quen achegará ao público a historia deste xénero na nosa terra a través do seu novo libro.
Música en vivo
A música en vivo será protagonista coas actuacións de Inés Carreño Cuarteto (jazz contemporáneo con raíces galegas. Unha actuación chea de frescura, talento e composicións propias), Marcos Pin Trío (jazz contemporáneo con personalidade propia. Un trío que combina tradición e creatividade nunha actuación chea de matices) e a animación itinerante da St. James Dixie Band. O público tamén poderá participar nunha jam session “A Jam da Casa de Arriba en cuarteto” e nunha clase de iniciación ao swing para todos os públicos. O festival contará tamén cun recuncho infantil e obradoiros pensados para que os máis cativos gocen e descubran o espírito do jazz dun xeito divertido e participativo. A colaboración dos hostaleiros e comerciantes locais será clave para dar vida a esta recreación, achegando á veciñanza e visitantes unha pequena mostra gastronómica inspirada nos sabores dos anos 20.
Ambientación anos 20
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destacou que “con este festival apostamos por achegar o jazz a todos os públicos, creando espazos de participación e desfrute na rúa, combinando formación, música en directo e animación coa vontade de dinamizar cultural e socialmente o noso concello. Ademais, queremos animar a que os veciños e veciñas, ademais de todas aquelas persoas que nos visiten nesta data, se animen a revivir esta época tan especial da historia vestíndose de temática dos anos 20 coas súas familias e amigos”.
A música é unha linguaxe, e o Jazz un dos seus dialectos. Como con calquera outro idioma, a música adquírese fundamentalmente a través de escoita, a imitación e a práctica.
A transcrición é a ferramenta fundamental para a adquisición da Linguaxe do Jazz e todos os seus aspectos; melódicos, harmónicos, rítmicos, de articulación, fraseo… Conéctanos coa música directamente e permítenos tamén, a través dunha posterior análise, entender e asimilar os detalles que fan tan particular ao dialecto do Jazz.