• O martes 1 de outubro conmemórase o Día Internacional das Persoas Maiores
• O Concello quere celebralo con toda a veciñanza cun xantar o venres 4, ás 14:00 horas, en Casa Rivero
O Concello de Ponteareas, a través da concellería de Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos LGTBIQ+, quere conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores organizando o ‘I Xantar dos nosos Maiores’.
Esta comida, que terá como protagonistas aos maiores ponteareáns, está aberta a toda a cidadanía e terá lugar o venres 4, ás 14:00 horas, na Casa Rivero, cun prezo de 13€ por persoa.
A concelleira Raquel Plana explicou que “os nosos maiores constitúen unha peza moi importante na nosa sociedade. Son transmisores de sabedoría e experiencia. Por iso, cremos que con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores era a escusa perfecta para organizar un evento no que eles sexan os auténticos protagonistas, que se sintan cómodos e poidan compartir e desfrutar da compañía dos veciños e veciñas que, noutras ocasións, sería máis difícil coincidir. Por iso animamos a todos os nosos maiores e acompañantes a que se inscriban nesta comida xa que estamos seguros de que será un éxito. Quero aproveitar tamén para dar as grazas á Casa Rivero pola súa predisposición e polas facilidades en canto os chamamos e lles detallamos a iniciativa que queriamos levar a cabo”.
Todos os interesados poden inscribirse dende xa mesmo chamando ao 698 149 582 ou 618 705623.
A alcaldesa Nava Castro confesou que “non se nos pode esquecer que somos quenes somos e estamos onde estamos grazas a eles, aos nosos maiores. Son unha peza fundamental na veciñanza de Ponteareas e, por iso, merecían que organizásemos este xantar. Queremos que perdure e se estableza como punto de reunión para celebrar a vida e compartir momentos e anécdotas entre todos”.