O concello de Ponteareas, os bombeiros e as clínicas veterinarias únense para protexer a vida dos animais en situacións de emerxencias nos fogares

adminON
Lectura mínima de 2

Para protexer a vida dos animais de compaña en situación de emerxencia a concellería de Seguridade Cidadá do Concello de Ponteareas lanza a campaña “Mascotas” en colaboración co parque de bombeiros local.

Juan Carlos González, tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade Cidadá, explica que atendendo ás situacións vividas no último ano en intervencións de emerxencias e observando os datos rexistrados que indican que o 43% dos fogares españois teñen unha mascota, poñen en marcha esta iniciativa que promove a colocación dunha pegatina na entrada dos fogares ou nun lugar visible que indique o número de mascotas.

“Moitas veces cando os bombeiros interveñen nunha emerxencia atópanse que dentro tamén hai animais de compaña que co medo agóchanse e non son detectados polos axentes. Por iso é moi importante que na entrada da vivenda conste o número de cans ou gatos que hai dentro para telo en conta e poder evacualos a tempo”, explica González Carrera.

Esta campaña é voluntaria e todas e todos os propietarios que queiran advertir da presenza de animais nos seus fogares poden pasar polas clínicas veterinarias locais e perruquerías caninas a recoller a súa pegatina na que deixar constancia das características dos mesmos. “Agradecemos a participación das clínicas e das perruquerías caninas para a distribución das pegatinas e apoiar esta campaña que pode salvar as vidas destes animais”.

O xefe de bombeiros, Roberto Castro, recomenda colocar as pegatinas nun lugar exterior visible, preferentemente na porta da entrada ou nos portais no caso de vivendas unifamiliares ou tamén no interior da vivenda na entrada nun lugar no que se poida ver nada máis entrar.

A alcaldesa, Nava Castro, salienta a importancia desta campaña que supón establecer novas colaboracións entre a cidadanía, as forzas de seguridade, as clínicas veterinarias, perruquerías caninas e o comercio e ampliar os servizos públicos en prol da mellora da seguridade das veciñas e veciños que poden participar de xeito voluntario.

Comparte este artigo