- Alex Martini encabeza o cartel do Bailotea 2025
- A final de DJ´s de Talento Xove celebrarase durante a xornada musical
Ofrecer unha programación variada e para todos os públicos é un dos obxectivos do Concello de Ponteareas que hoxe presentou a terceira edición do festival Bailotea.
A alcaldesa Nava Castro e o tenente de alcaldesa Juan Carlos Glez. Carrera presentaron xunto á directora xeral de Turismo, Lara Meneses, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, esta nova edición na que haberá novidades.
Álex Martini, Groove Amigos, Joana River, Dmiron, Muíños, Diego Mei e DJ Vaque con Denis El Remix actuarán no aparcamento Sarmiento Rivera o vindeiro venres 16 de maio. “O prometido é débeda. O ano pasado non puido ser pero este ano teremos con nós a Álex Martini que vén de encher aforos en concertos e festivais de toda España”. Tras varios anos na industria, Alex Martini converteuse nun dos DJs máis recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional
Entrada gratuíta e unha tarde noite de música será o menú que atraerá un ano máis a milleiros de mozas e mozos consolidándose na axenda musical de Galicia e norte de Portugal como un evento de asistencia obrigatoria. “Queremos que a nosa xuventude poida desfrutar dos festivais na súa vila por este motivo programamos un evento máis que cadra na véspera das letras galegas e que nutre a oferta que deseñamo ao longo de todo o ano”, explica Glez. Carrera, concelleiro de Cultura.
Esta edición presenta novidades e entre elas está a final de DJ´s do concurso Talento Xove segundo adianta o concelleiro. “No escenario do Bailotea celebraremos a final de DJ´s e así posibilitaremos ás e aos participantes unha boa plataforma de difusión”. Adianta o edil de Cultura que o gañador da discplina de DJ´s actuará na cuarta edición do Bailotea formando parte do cartel.
A alcaldesa Nava Castro, agradeceu o importante apoio da Xunta de Galicia a través da Concellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Deputación de Pontevedra “porque fan posible que Ponteareas medre e porque acompañan co seu apoio o crecemento do noso pobo. As administracións locais precisamos que crean tamén no talento das vilas capaces de ofrecer servizos e oportunidades a súa veciñanza e a da contorna”.
Salienta tamén Juan Carlos Glez. Carrera que a ubicación no centro da vila contribúe na seguridade das mozas e mozos ao evitar desprazamentos e chega a un público de todas as idades que ao longo das seis horas de concerto participa. “Ao estar no propio casco urbano beneficiamos tamén ao sector da hostalaría e dinamizamos a vida nas rúas e prazas”.