En FITUR tamén presentaron a rosquilla de Ponteareas maridada con requeixo e mel das Neves
O Concello de Ponteareas presentou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) o cartel anunciador do Corpus Christi 2026, unha das celebracións máis emblemáticas da vila e referente cultural a nivel internacional, e o cartel do Festival Groba, que durante unha semana ofrece a oportunidade de escoitar música clásica interpretada por recoñecidos músicos de todo o mundo.
As presentacións contaron coa participación da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, do tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, e do concelleiro de Turismo, Manuel Gregores, quen destacaron a importancia desta festa e festival como sinal de identidade do pobo ponteareán e como motor cultural e turístico.
Corpus Christi, experiencia sensorial completa
O Corpus Christi de Ponteareas conta co recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de patrimonio inmaterial, un distintivo que pon en valor unha tradición transmitida de xeración en xeración, baseada na creación colectiva das alfombras florais, na organización comunitaria e no saber facer artesanal que define esta manifestación cultural única. Ademais, a festa está declarada Festa de Interese Turístico Internacional e avanza con paso firme cara ao seu recoñecemento como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.
A celebración principal terá lugar o domingo 7 de xuño de 2026, mais o Concello convida a vivir intensamente a Semana do Corpus, cun amplo programa que inclúe obradoiros artísticos, visitas aos portais alfombreiros, actividades culturais e festivas, videomapping do Corpus, actuacións musicais e propostas para todos os públicos.
Un dos momentos máis especiais é a Noite do Corpus, que se celebra na noite do sábado 6 ao domingo 7 de xuño, cando as e os alfombreiros traballan durante toda a madrugada para dar forma ás alfombras florais que cubrirán as rúas ao amencer.
O Corpus Christi de Ponteareas é unha experiencia sensorial completa, que medra ano tras ano: entra pola vista cos coidados e coloridos deseños das alfombras; polo olfacto, co arrecendo das flores e elementos vexetais ao paso da procesión; e polo tacto, coa caída dos pétalos na tradicional choiva de flores dende os balcóns dos tramos alfombreiros.
Máis dun quilómetro de alfombras florais, preto de douscentos anos de historia documentada e a participación de delegacións alfombreiras internacionais de distintos países do mundo, xunto coa presenza destacada da alfombra da Orotava, vila irmandada con Ponteareas dende hai máis de corenta anos, consolidan esta festa como un encontro cultural de proxección global.
Festival Groba, esencia ponteareá
Do 16 ao 22 de agosto terá lugar o XIV Festival Groba. “O Festival Groba consolidouse ao longo dos anos como un dos eventos culturais e musicais máis relevantes de Ponteareas e da comarca, converténdose nun espazo de encontro arredor da música, a creación artística e a posta en valor do patrimonio cultural galego”, explica o tenente de alcaldesa. Este festival rende homenaxe á figura do compositor ponteareán Rogelio Groba, un dos grandes referentes da música galega contemporánea, e contribúe á difusión do seu legado artístico tanto entre o público local como entre visitantes.
A súa programación destaca pola calidade e diversidade das propostas, achegando ao público concertos de alto nivel interpretativo e favorecendo o acceso á cultura en espazos singulares do municipio. O Festival Groba actúa tamén como ferramenta de dinamización cultural e turística, fortalecendo a identidade local e promovendo Ponteareas como vila comprometida coa cultura, a música e a creación artística.
Ademais, o festival ten unha clara vocación pedagóxica e interxeracional, fomentando o interese pola música entre a mocidade e creando sinerxías entre intérpretes, alumnado e profesionais do sector. A través do Festival Groba, Ponteareas reafirma o seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio musical galego, situándose como referente cultural dentro e fóra de Galicia.
En FITUR tamén presentaron a rosquilla de Ponteareas maridada con requeixo e mel das Neves nunha degustación celebrada no pavillón 7 do recinto feiral.
A alcaldesa, Nava Castro, animou a veciñanza e ás persoas visitantes a vivir a experiencia do Corpus ao longo dos días previos ao 7 de xuño, descubrindo unha celebración que une tradición, arte, emoción e participación colectiva.



