• Rafa Rodríguez “Rafita” será o pregoeiro
• Ás 20:00 horas do sábado será a presentación de “Seraogna, 50 anos”, unha edición especial conmemorativa de “Seraogna” de Alfonso Pexegueiro
Ao longo de catro días o Concello de Ponteareas acolle unha nova edición da Feira do Libro. Venda de libros, sinaturas, presentacións e música encherán de vida e cultura os xardíns da Xiralda coa participación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos.
Dende o xoves día 10 ao domingo día 13 as librarías instalarán os seus postos nas casetas e as e os escritores presentarán as súas últimas obras. Explica o concelleira de Ensino, Ricardo González, que a feira abrirá cada día a partir das 12:00 horas agás o primeiro día, xoves 10, que arrancará ás 18:00 horas.
“As feiras do libro promoven o hábito da lectura en persoas de todas as idades, ofrecen acceso a unha gran variedade de libros, moitos dos cales non sempre están dispoñibles en librerías comúns e permiten que os lectores coñezan a escritores, participen en firmas de libros e asistan a presentacións”, sinala o edil de Ensino e Letras nas Aulas.
O xoves día 10 ás 20:00 horas Rafael Rodríguez, “Rafita”, será o encargado do pregón acompañado de música para continuar a feira coa presentación de “Galegas na música” de Isabel Blanco nun acto que contará coa colaboración de SADEO.
O venres 11 de xullo ás 12:00 horas haberá xogos tradicionais na contorna da feira e xa de tarde a partir das 18:00 horas sucederanse de hora en hora as presentacións coas autoras e autores Xesús Constela (Xerais), María Besteiros (Xerais), Nieves Rodríguez (Galaxia) e Pedro Feijóo (Xerais).
O sábado 12 de xullo volverá haber xogos tradicionais e ás 13:00 horas a performance “Mala letra en mi libreta” de Javier Santalices con Tamara Barrasa e David Barros. Pola tarde, ás 18:00 horas, presentación da colección “Nomes dos lugares, patrimonio e historia” de Arístides Carrera (Agoeiro/AGCE). Ás 19:00 horas presentación de “Bonecas” de Raquel Castro (Galaxia). Ás 20:00 horas presentación de “Seraogna, 50 anos”, unha edición especial conmemorativa de “Seraogna” de Alfonso Pexegueiro con Paula Domínguez e Fátima Ferreiro. Unha lectura pública da obra orixinal fará partícipes a todo o público presente e renderá homenaxe ás letras do recoñecido poeta e artista nado na parroquia de Angoares.
Ás 12:00 horas do domingo terá lugar o obradoiro de ilustración “Deseña o teu superheroe” baseado na saga manga “My Hero Academia” (Planeta Cómic) e “Cardcaptor Sakura” (Norma Editorial) a cargo de Iria Fernández. Ás 18:00 horas e 19:00 horas serán as presentacións das últimas obras de Carlos Callón e Diego Giráldez e ás 20:00 horas recital poético “Concerto para flores” de Samuel Merino (Xerais). Ás 21:00 horas presentarase a obra “Lírica medieval. Xoán García de Guillade e Martín de Xinzo” de Manrique Fernández editado polo Concello de Ponteareas. A continuación clausura da feira do libro a cargo do concelleiro de Letras nas Aulas e da alcaldesa Nava Castro.
“Baixo o fresco das árbores dos Xardíns da Xiralda volveremos conectar coa cultura, coa arte da escrita e coñeceremos as últimas novidades. Achegarémonos ás autoras e autores e conversaremos con elas e eles”, explica a alcaldesa que salienta a importancia das feiras de libros porque humaniza a figura do autor e fortalece o vínculo coa obra; dase visibilidade ás editorias, promoven o encontro comercial e máis aló dos libros, as feiras ofrecen un ambiente festivo con actividades artísticas, música, contacontos e máis”.