O Concello de Ponteareas reforza a súa aposta polo emprego coa incorporación do posto de director/a de Emprego na RPT municipal

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Ponteareas deu un novo paso na súa aposta pola promoción do emprego e a formación coa modificación e aprobación en pleno da Relación de Postos de Traballo (RPT), na que se incorpora o posto de director/a de Emprego, unha figura clave para seguir consolidando as políticas activas de inserción laboral no municipio.

A maiores, o pasado mércores 25 de marzo, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou a convocatoria para a creación de listas destinadas á contratación temporal e ao nomeamento como persoal funcionario interino na categoría de Director/a de Emprego (grupo A1).

O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte días naturais a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria.

Desde o Concello sublíñase a importancia de incorporar esta figura á estrutura municipal, dado o intenso traballo desenvolvido nos últimos anos no ámbito da formación e da empregabilidade.

Nos últimos dous anos, Ponteareas puxo en marcha dous obradoiros de emprego, un deles en modalidade dual, aos que se suman dous programas integrados de emprego, un obradoiro de emprego xuvenil e a participación no programa Xuventude Mentoring na Empresa, actualmente coñecido como Formátea na Empresa, sendo ademais o único concello de Galicia en formar parte desta iniciativa.

A creación do posto de director/a de Emprego permitirá coordinar, planificar e impulsar de forma estable todas estas liñas de traballo, mellorando a captación de recursos, a relación co tecido empresarial e a posta en marcha de programas adaptados ás necesidades reais da veciñanza.

Esta figura resulta fundamental para seguir avanzando na mellora da empregabilidade, especialmente entre a mocidade, as persoas desempregadas de longa duración e os colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

Coa incorporación deste posto, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso cunhas políticas públicas centradas na creación de oportunidades, a formación de calidade e o desenvolvemento económico e social do municipio.

Comparte este artigo