HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas reforza o seu cadro de seguridade coa toma...

O Concello de Ponteareas reforza o seu cadro de seguridade coa toma de posesión dun novo axente da Policía Local

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas celebrou no día de hoxe a toma de posesión dun novo axente da Policía Local, un paso máis no compromiso do goberno municipal por reforzar a seguridade cidadá e mellorar a calidade do servizo público.

Na actualidade, a Policía Local de Ponteareas está composta por 13 axentes, 1 auxiliar, 1 oficial e 1 oficial xefa, un cadro que permite ofrecer unha atención máis próxima, eficaz e profesional á veciñanza.

Contar cun corpo de Policía Local cualificado supón múltiples beneficios para o municipio, entre eles unha maior prevención e resposta ante incidencias, unha mellor ordenación do tráfico, máis presenza nas rúas e unha atención directa á cidadanía, contribuíndo así a crear un entorno máis seguro e ordenado.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos González Carrera, destacou a importancia de traballar de maneira coordinada co resto dos corpos e forzas de seguridade, agradecendo a implicación e profesionalidade da Policía Local neste ámbito. Ademais, puxo en valor a súa colaboración constante en eventos culturais, celebracións e actividades deportivas, onde realizan labores de seguridade e organización do tráfico que fan posible o correcto desenvolvemento de cada actividade. Neste sentido, quixo agradecer especialmente a súa contribución no posto de mando avanzado durante a celebración do Corpus Christi, unha festividade na que cada ano participan milleiros de persoas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que a Policía Local tamén está inmersa nun proceso de modernización do servizo, destacando que no último ano se implantou un sistema de cámaras de seguridade e software centralizado na Policía Local, que permite mellorar a vixilancia e reforzar a seguridade no municipio.

Desde o goberno municipal continúase a traballar para dotar á Policía Local dos recursos humanos e técnicos necesarios, convencidos de que investir en seguridade é investir en benestar e calidade de vida para toda a veciñanza.

Publicacións Relacionadas