HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas reforza os vínculos coa súa vila irmá de...

O Concello de Ponteareas reforza os vínculos coa súa vila irmá de La Orotava e abre á cidadanía a posibilidade de vivir o seu Corpus

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas dá un paso firme na revitalización das relacións de irmandade coa vila canaria de La Orotava e, por vez primeira en máis de corenta e dous anos de relación, ofrece ás veciñas e veciños a oportunidade de viaxar de xeito organizado para participar nas espectaculares celebracións do Corpus Christian da vila irmá. Deste xeito, ademais da delegación alfombreira de Ponteareas que viaxa a La Orotava poderán viaxar todas aquelas persoas que queiran sentir o afecto da súa vila irmá e coñecer as súas tradicións.

La Orotava celebra o seu Corpus xusto ao remate do Corpus Christi de Ponteareas, unha coincidencia no calendario que reforza os lazos culturais e emocionais entre ambas localidades. As dúas vilas iniciaron a súa amizade a través da música e da voz coral e quixeron formalizar a súa paixón compartida pola cultura e pola arte alfombreira mediante un irmandamento oficial no ano 1983.

Dende entón, ano tras ano, La Orotava elabora unha impresionante alfombra de areas do Teide ao pé da igrexa de San Miguel, mentres que as e os alfombreiros ponteareáns crean unha alfombra floral de Corpus aos pés da igrexa de Nosa Señora da Concepción. Cada ano, unha delegación de alfombreiras e alfombreiros, xunto cunha representación do goberno municipal, viaxa ata a vila canaria para participar activamente en todas as celebracións.

As e os ponteareáns son recibidos con enorme agarimo pola veciñanza orotavense, ocupando lugares preferentes nos distintos actos. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, salientan que “é imposible describir con palabras o cariño co que somos acollidos; só vivíndoo en primeira persoa se pode comprender”. Familias que abren os seus fogares para compartir petiscos, persoas que desfilan, cantan e danzan xuntas, creando unha experiencia de irmandade real e profunda.

Este ano, todas as veciñas e veciños que o desexen poderán sumarse a esta vivencia única nunha viaxe organizada do 9 ao 15 de xuño, coincidindo coas celebracións do Corpus Christi e de San Isidro Labrador. Nesta última festividade participan máis de 80 carrozas tiradas por bois, acompañadas de veciñas e veciños vestidos co traxe tradicional, que cantan e danzan ao longo de toda a xornada.

As persoas interesadas poden contactar coa axencia de viaxes local Barceló. O prezo da viaxe inclúe media pensión, desprazamento de Ponteareas a Santiago de Compostela, voo dende o aeroporto de Santiago a Tenerife, traslados ata o hotel e regreso. Unha vez en destino, tamén se organizarán excursións para coñecer espazos emblemáticos como o Teide, os acantilados de Los Gigantes ou distintos parques naturais, entre outras propostas.

A alcaldesa Nava Castro quixo destacar “a enorme importancia desta relación humana e cultural que vai moito máis alá dun acordo institucional” e animou á cidadanía a implicarse tamén cando a delegación de La Orotava visita Ponteareas. “Ser anfitrións é un xesto sinxelo que consiste en compartir intres e espazos, en abrir portas e corazóns, para que as e os orotavenses sintan aquí o mesmo cariño que nós recibimos sempre cando chegamos á súa terra”, concluíu.

Publicacións Relacionadas