O Concello de Ponteareas aprobou hoxe nun pleno extraordinario sancionar á empresa que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Por unanimidade de todos os grupos da Corporación acordouse a incoación dun expediente sancionador e imposición de penalidades á entidade adxudicataria polo reiterado incumprimento das condicións do contrato.
O concelleiro de Facenda, Francisco J Represas, explica que ante as deficiencias detectadas e comprobadas na xestión das súas obrigas e as queixas das familias usuarias, ábrese un expediente sancionador a Aralia Servicios Sociosanitarios por 7 faltas graves e 2 moi graves cun importe de sanción económica de 52.500 euros. Ademais a apertura deste expediente sancionador permite ao goberno municipal impor outro tipo de sancións como a incautación da garantía por importe de 53.433,60 €.
Esta medida permitirá ao Concello que, ante a urxencia e necesidade social, poida proceder á contratación de servizos ou medios que garantan unha prestación axeitada mentres non remata o novo proceso de licitación. “Dende que no mes de decembro recibimos as primeiras queixas dos usuarios activamos todos os procesos dos que dispón o Concello para comprobar si se está prestando o servizo conforme ao contratado. Abrir o expediente sancionador é indispensable e a ferramenta para solucionar”.
“Agradecemos o apoio de todos os grupos da Corporación. O desexo do Goberno local non é, en ningún caso, ter que chegar nunca a unha situación coma esta, nin ter a necesidade de sancionar a ningunha das empresas suxeitas a contratos municipais, pero é importante que quede claro que as políticas sociais e as personas en situación de vulnerabilidade son a nosa prioridade”.
A empresa atende o SAF dende o ano 2023. Na actualidade 80 persoas reciben asistencia nos seus fogares sen saír da súa contorna habitual. O concelleiro traslada ás familias que esta situación está en vía de solucións e o seu compromiso por resolvela na maior brevidade posible.