O Concello de Ponteareas vén de remitir unha carta ao ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, na que solicita información pola decisión do Goberno do Estado de excluír a Ponteareas da nova convocatoria de creación de unidades xudiciais, que contempla a oferta de 500 novas prazas en todo o territorio estatal.
Desde o Concello lamentan profundamente que o Ministerio non teña en conta a necesidade urxente de crear unha nova praza xudicial en Ponteareas, tendo en conta o estado de colapso e a elevada carga de traballo que asumen na actualidade os xulgados da vila.
O goberno municipal manifesta a súa preocupación ante unha decisión que ignora a realidade diaria dos órganos xudiciais de Ponteareas, lembrando que a saturación que sofren “non é unha opinión política, senón un feito constatado que se traduce directamente na cidadanía en forma de retrasos e procesos xudiciais excesivamente lentos”.
O Concello transmite ademais a súa preocupación por que non se teña considerado esta situación en ámbitos especialmente sensibles como os procesos de familia ou a protección das vítimas de violencia de xénero, nos que a axilidade xudicial resulta fundamental para garantir dereitos e seguridade.
Por todo isto, o Concello de Ponteareas solicita ao ministro Félix Bolaños que reconsidere a súa decisión e teña en conta as necesidades reais da vila, apostando por unha xustiza máis próxima, eficaz e acorde coa carga de traballo existente.
Na actualidade o Concello de Ponteareas conta cun Tribunal con tres prazas (instrución, execución e civil), unha oficina decanato e unha oficina de rexistro civil, sendo o Concello de referencia para os 10 das comarcas do Condado e da Paradanta que suman máis de 54.000 habitantes.



