O Concello de Ponteareas celebrou o acto de clausura dos tres programas de emprego do que se beneficiaron 136 persoas.
Un 68% das persoas participantes no II Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Ponteareas traballou durante o programa, un dato que salientou a concelleira de Emprendemento Silvia Fdez. Táboas no acto de clausura dos tres programas de emprego desenvoltos polo Concello de Ponteareas co apoio da Xunta de Galicia neste ano 2025. Esta cifra supón un exemplo claro da eficacia deste tipo de programas, que combinan formación teórica con práctica en contornas reais de traballo.
No acto que contou coa presenza do delegado do goberno da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera; do director territorial de Emprego, Jose A. Rdguez Fachado e da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, ademais de concelleiros do grupo de goberno, entregáronse os diplomas ás 136 persoas participantes neste programa, no obradoiro de emprego dual “Val do Tea” e no programa de emprego “Compromiso Xuvenil”.
Datos que avalan o bo traballo feito
O Concello de Ponteareas seguirá contando co apoio da Xunta de Galicia para desenvolver accións de fomento da emprego ante os bos resultados obtidos, así o adiantou o delegado do goberno Agustín Reguera que aproveitou para felicitar ao Concello. “Seguiremos apoiando aos Concellos que cumpren e consiguen os obxectivos. No caso de Ponteareas a cifra supera moito ao mínimo esixido. Os Programas Integrados de Emprego ou PIE levan aparellado o compromiso de inserir laboralmente a un mínimo do 35% das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do Programa. A inserción media acadada polos Programas Integrados de Emprego nos últimos anos é dun 46%, Ponteareas supéraa nun 22%”.
Os programas integrados de emprego (PIE) son instrumentos dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral, durante un período de 12 meses, de 100 persoas demandantes en situación de desemprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Contribución social
Vinte persoas participaron no primeiro obradoiro dual de emprego de Ponteareas contribuíndo non só a súa formación tamén á mellora de espazos públicos, así o recolleu a alcaldesa Nava Castro na súa intervención felicitándoos polo traballo realizado. “Grazas ás persoas participantes no obradoiro de albanelería e no de xardinería-carpintería, temos agora uns Xardíns da Xiralda máis fermosos, un centro social que estaba vello e precisaba un arranxo urxente para poder recobrar a vida e uns parques infantís máis agradables tanto en Canedo como en Parada, Xinzo”.
Os homes e mulleres participantes deixaron a súa pegada no día a día das persoas e melloraron o seu perfil laboral para insertarse no mundo laboral grazas ao apoio de profesorado formado por profesionais expertos nas materias impartidas. “O obradoiro de emprego e todos os programas que desenvolvemos contan con profesorado experto, que ten longa experiencia no coñecemento técnico,teórico e práctico, contactos e longa traxectoria”.
Primeiro programa de emprego xuvenil
Co obxectivo de ofrecer oportunidades de emprego a distintos tramos de idade o Concello de Ponteareas contou co primeiro programa de emprego xuvenil “Compromiso Xuvenil” que beneficiou a 16 mozas e mozos que ao longo do ano aprederon e traballaron na especialidade de turismo e na de ocio e tempo libre. Sinalaron tanto a alcaldesa como a concelleira de Emprego a alta implicación deste alumnado que se involucrou en toda a vida social e actividades organizadas polo Concello, en especial no deseño de propostas divertidas para o coñecemento do patrimonio e sinais de identidade da vila.
O Concello de Ponteareas puxo en marcha programas que contribuiron a mellorar a empregabilidade dos participantes, con itinerarios formativos adaptados ás necesidades do tecido produtivo local e cun acompañamento personalizado na procura activa de emprego.
“Estes datos demostran que cando as políticas públicas de emprego se fan con planificación, colaboración e proximidade, os resultados chegan. Seguiremos apostando por ofrecer oportunidades reais á cidadanía”, destacou a alcaldesa
Os programas foron cofinanciados polo Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, e contaron coa colaboración de empresas locais, centros de formación e entidades do terceiro sector.
Con esta clausura, o Concello reafirma o seu compromiso co emprego de calidade, a formación continua e a dinamización económica do municipio.

