A Concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, anunciou que o Concello de Ponteareas volve contar cunha/cun Axente de Igualdade, tras a contratación dos servizos de asesoramento sobre igualdade de oportunidades impulsados dende o seu departamento.
Esta iniciativa dá continuidade ao compromiso do goberno local coa promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, especialmente no ámbito rural, co obxectivo de achegar recursos e información a todas aquelas mulleres que, polas súas circunstancias persoais, dificultades de desprazamento ou falta de acceso á información, non poden participar nas actividades organizadas dende o Centro de Información á Muller (CIM).
“Queremos seguir traballando para que ningunha muller de Ponteareas nin do resto dos nove concellos das comarcas do Condado e da Paradanta, viva onde viva, quede fóra das políticas de igualdade nin dos recursos que poñemos á súa disposición. A figura da Axente de Igualdade é fundamental para avanzar nese camiño”, sinalou a concelleira Raquel Plana.
A nova edición deste programa que brinda servizo aos concellos de A Caniza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño permitirá reforzar o traballo de proximidade coas parroquias rurais, fomentando a participación das mulleres e creando unha rede de contacto estable co tecido asociativo local.
Tecer conexións con pequenas e grandes accións
Pequenas e grandes accións definirán o traballo desta profesional porque entre a previsión está traer a Ponteareas á guionista e produtora gañadora do Goya na categoría “mellor curtametraxe documental” pola película “Ava”.
Entre as principais funcións da Axente de Igualdade, destacan a de establecer contacto con asociacións veciñais, centros culturais e sociais, especialmente das zonas rurais, para crear unha rede de colaboración e intercambio de información.
Tamén realizará sondaxes sobre necesidades e propostas de actuación das mulleres do rural, co fin de planificar accións adaptadas á realidade de cada zona e desenvolverá campañas informativas e de sensibilización sobre igualdade de xénero e prevención das violencias machistas, mediante faladoiros, materiais divulgativos e accións no territorio.
Apoiar e coordinar as campañas conmemorativas do 25 de novembro (Día Internacional contra a Violencia de Xénero), 8 de marzo (Día Internacional da Muller) e 28 de xuño (Día do Orgullo) tamén será función da/do axente de igualdade así como participar na xestión e dinamización do Punto de Información Violeta, organizando materiais e colaborando coa rede de voluntariado e persoal municipal.
Así mesmo, a Axente de Igualdade contribuirá á execución das medidas incluídas no Plan de Igualdade do Concello de Ponteareas, desenvolvendo accións formativas sobre construción de identidades masculinas non sexistas e promovendo a implicación da comunidade local na loita pola igualdade real e efectiva.
Ámbito educativo
A edil de Benestar Social considera imprescindible a prevención da violencia de xénero dende as primeiras idades. “Urxe a promoción, sensibilización e formación en materia de igualdade nos centros educativos, que ademais é unha demanda dos centros á administración local”.
Neste eido a/o axente de igualdade actuará contactando coas ANPAs e as persoas responsables da área de igualdade dos centros educativos para elaborar a realización de obradoiros sobre igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros educativos.



