O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de decembro
O Concello de Pontecesures vén de abrir o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Nadal, “unha proposta coa que pretendemos non só ocupar o tempo de lecer dos nosos cativos e cativas, senón permitir tamén ás familias compaxinar a vida familiar e laboral durante as vacacións escolares do Nadal”, explica a concelleira de Educación, Laura Villar. O Concello ofrece un total de 45 prazas para nenos e nenas entre 3 e 12 anos, ambos o dous incluídos, e o prazo para anotarse estará aberto ata as 14:00 horas do 22 de decembro.
A Ludoteca de Nadal terá lugar do 26 ao 30 de decembro de 2022 e do 2 ao 4 de xaneiro nas instalacións do anexo do pavillón municipal de Pontecesures. O servizo será de 9:00 a 14:00 horas, tendo as familias que deixar ás crianzas entre as 9:00 e as 10:00 horas para recollelas entre as 13:00 e 14:00 horas.
Documentación
Para poder participar na Ludoteca de Nadal, as familias deberán encher unha folla de solicitude, que poden recoller no Concello de Pontecesures ou descargala na web www.pontecesures.org. Unha vez cumprimentada e recompilada toda a documentación precisa, deberán entregala antes do 22 de decembro nas oficinas do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
“Para facilitarlles ás familias a presentación das solicitudes, o Concello de Pontecesures decidiu eximir do trámite de volver a presentar toda a documentación a aquelas familias que xa o fixeran para participar no Campamento de Verán 2022 e manteñan as mesmas circunstancias”, indica Laura Villar, quen puntualiza que “nestes casos só terán que presentar a solicitude de inscrición e as autorizacións e declaración responsable correspondentes”.
O Concello de Pontecesures oferta 45 prazas, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio, as familias monoparentais e numerosas debidamente acreditadas e as persoas que acrediten ter necesidades de conciliación debido á súa situación laboral. Neste último caso, deberán presentar unha declaración responsable na que achegarán: contratos laborais, vida laboral e/ou certificado da empresa que recolla os horarios de traballo.
En caso de empate nas puntuacións, resolverase de acordo coa renda per cápita da unidade familiar, tendo preferencia aquelas familias coas rendas máis baixas. Se, pola contra, quedaran prazas por cubrir, atenderanse tamén as solicitudes de persoas non empadroadas en Pontecesures.



