En breve recibirá o estudo sobre o ciclo integral da auga do municipio, que permitirá facer unha diagnose da situación actual e unha análise da futura demanda
O Concello de Pontecesures vén de rematar as obras de mellora na estación de tratamento de auga potable (ETAP) do municipio, nas que investiu un total de 35.739,86 euros. Uns traballos que contribuirán “a mellorar a xestión do ciclo integral da auga no municipio”, explica o alcalde, Juan Manuel Vidal Seage.
As obras, executadas pola empresa Espina e Delfín, consistiron na instalación de novos equipos na potabilizadora. Así, procedeuse á completa renovación do cadro eléctrico e de control da ETAP, previa retirada do xa existente. Así mesmo, instalouse un cadro de control para o depósito de auga, cun novo equipo para a adquisición e rexistro de datos. Esta actuación foi financiada nun 75% pola Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, nun 20% pola Deputación de Pontevedra, baixo o Plan Concellos 2022, e nun 5% polo Concello de Pontecesures, a través de fondos propios.
Ciclo integral da auga
Estas obras son un paso máis na aposta do Concello de Pontecesures por mellorar a xestión do ciclo integral da auga no municipio. Juan Manuel Vidal Seage apunta que “este ano contratamos un estudo para coñecer a situación actual do abastecemento de auga no noso municipio que, unido a estas melloras que acabamos de implementar na ETAP, nos permitirán contar cunha diagnose exacta do ciclo integral da auga en Pontecesures. Así poderemos facer unha análise da futura demanda para proporcionar garantías de subministro á veciñanza, en calidade e cantidade, e ver a capacidade que dispoñemos de cara ao asentamento de novas empresas”.
Este estudo, que está a piques de ser entregado ao Concello, inclúe a elaboración dun Regulamento do Servizo do Ciclo Integral da Auga e dunha Memoria de legalización do abastecemento do Concello de Pontecesures. “Sabemos que para avanzar na mellora da calidade da nosa auga e garantir os servizos de abastecemento tanto á cidadanía como ás empresas non é suficiente coa mellora das infraestruturas como a ETAP, tamén é necesario que o servizo se preste coa máxima eficiencia e eficacia, a través dunha axeitada xestión, explotación e mantemento”, conclúe Vidal Seage.



