HomePontevedraCaldasO Concello de Pontecesures pon en marcha unha rede de 28 locais...

O Concello de Pontecesures pon en marcha unha rede de 28 locais comerciais seguros contra a violencia de xénero

- Anuncio -spot_img

Juan Manuel Vidal instou a “unha acción firme a prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que as toleran, as xustifican ou incluso as avalan”

O Concello de Pontecesures entregou hoxe os primeiros 28 distintivos de locais comerciais seguros conta a violencia de xénero, cos que elaborará un mapa de puntos de seguridade con persoal formado nos protocolos a seguir e os recursos aos que acudir no caso de que se produza un episodio de violencia de xénero na zona. Un mapa que será dado a coñecer dende a web municipal e as distintas redes sociais do municipio.

A concelleira de Igualdade, Laura Villar, puxo en valor o interese amosado por esas 28 entidades, que tiveron que superar nunha acción formativa en protocolos de actuación contra a violencia de xénero de catro horas e media. Sobre o resto de comerciantes que non foron quen de superaren esa formación, a concelleira sinalou que “agardamos que no futuro poidan sumarse máis establecementos a esta rede de locais comerciais seguros contra a violencia de xénero de Pontecesures”.

Durante a xornada, as distintas persoas que superaron esta formación puideron recoller o vinilo coa lenda “Non estás soa”, que colocarán nos escaparates dos seus negocios para seren identificados como puntos de seguridade. Os 28 establecementos que conforman esta primeira rede en Pontecesures son: Supermercados Froiz, Gama e Hijos SL, A de Gus Barbería Perruquería, Taller Mecánico Iscavars, Lorena Cerqueiras, Casa Chaves, Tien 21 Electro-Ferr, Óptica Visión XXI, Distribuciones Botari SL, Impreco, Salón Té Soles Frutería, Euronics Frois, Xoiería Joaquín e Ramón Riveiro Oliveira, Rous Lencería e Moda, Agencia Victorio, Centrofarma, Frutería Belbellita, Farmacia Cesures, Estanco Cesures, Doselco Instalaciones y montajes eléctricos, Parrillada Isidro, Decoración Manuel Grela, Golfiño Loterías, dentista Jorge Otero, Mar Fashion, Magna Gestio, Tapería O Candil e Sonrisa de Hilo.

Manifesto

Pola súa banda, o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, foi o encargado de dar lectura ao manifesto institucional na Plazuela, acto ao que asistiron unha vintena de veciños e veciñas. O alcalde apuntou que “dende o Concello de Pontecesures queremos manifestar a nosa repulsa contra todas as violencias recollidas no convenio de Estambul e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade e libre de violencias”. Así mesmo, insistiu en que “estamos diante unha cuestión de Estado e un grave atentado aos dereitos humanos. Temos diante unha realidade innegable que nos interpela a todos e todas a unha acción firme a prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que as toleran, as xustifican ou incluso as avalan”.

Tras lembrar que “os concellos somos o primeiro recurso e, ás veces, o único do que dispoñen as mulleres na busca de denunciar a violencia que sofren”, Juan Manuel Vidal ratificou “o compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e recordamos a necesidade de seguir traballando no seu desenrolo. Debemos mellorar a resposta institucional a todos os niveis evitando o risco de vitimización secundaria”.

Durante toda a xornada, a Plazuela acolleu a Caravana Morada contra a violencia de xénero, onde técnicas expertas en prevención e orientación contra a violencia de xénero repartiron material divulgativo, lazos, paraugas… e responderon a calquera dúbida dos veciños e veciñas sobre a materia.

Publicacións Relacionadas