O executivo Local aprobou esta proposta na que participarían as tres administracións: Xunta, deputacións e concellos, liderados pola Xunta, con carácter inmediato.
Pontevedra pide que as achegas das tres institucións ao Plan de rescate sexa proporcional.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un acordo que será remitido nas vindeiras horas á Xunta de Galicia. Propón á administración autonómica elaborar un plan de rescate dos sectores afectados pola Covid con carácter inmediato no que participen concellos, deputacións e lidere a Xunta. As achegas das administracións serían proporcionais aos seus ingresos.
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que “a terceira vaga é un feito. Na actualidade subimos contaxios, a situación é preocupante e é necesario traballar con solucións reais”. Confirmou que “a situación de determinados sectores é agónica e
preocupante dende o punto de vista económico e tamén social”, por iso o Concello de Pontevedra propón a elaboración dun plan de rescate estrutural dos sectores máis afectados pola pandemia, no que participen todas as administracións: concellos, deputacións e Xunta de Galicia.
O Concello de Pontevedra entende que este plan de rescate ten que ser simple, cunhas bases consensuadas entre as administracións e liderado pola Xunta de Galicia porque nela recae a competencia.
Anabel Gulías indicou que debera ser un plan “inmediato” porque a situación así o obriga, e adiantou que a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) sería un bo interlocutor entre todas as partes implicadas.
Ao tempo, dende o Concello de Pontevedra esíxese que este Plan de rescate estea formado por achegas porcentualmente similares por parte de cada administración. A modo de exemplo, Anabel Gulías indicou que se a Xunta de Galicia achega o 1% do seu orzamento, deputacións e concellos farano en igual contía.
Tamén lembrou que até o de agora a Xunta de Galicia comprometeu 22 millóns de euros para os sectores máis afectados “o que supón o 0,19% do seu orzamento”, explicou. Cando por parte do Concello, as primeiras axudas Supera, dotadas con 1,2 millóns de euros, supuxo o 1,6% do orzamento global.
A portavoz do Goberno indicou que o Concello de Pontevedra está en disposición de acordar coa Xunta de Galicia a creación dese plan de rescate e non entrar a debater sobre a porcentaxe a achegar.
Mentres, o Goberno Local continúa a traballar nas axudas Supera21 tanto na elaboración das bases como no reforzo dos equipos que as tramitarán. A portavoz do Goberno adiantou que ao millón de euros incluído no orzamento de 2021 sumarase o sobrante das axudas Supera20, polo que a contía global superará os 1,5 millóns de euros.