HomePontevedraO Concello de Pontevedra presenta o Receitario Tradicional de Pontevedra, con pratos...

O Concello de Pontevedra presenta o Receitario Tradicional de Pontevedra, con pratos que salientan a gastronomía da comarca

- Anuncio -spot_img

A publicación incluirá 21 pratos de carne, peixe, legumes e verduras, así como unha decena de sobremesas ligadas ás festas e romarías tradicionais do territorio do Lérez.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra, a través da Área de Promoción Económica, presenta o Receitario Tradicional da Comarca de Pontevedra, un proxecto do programa de cultura culinaria Pontevedra Capital Gastro destinado a dinamizar a hostalería e a poñer en valor a cultura gastronómica local.

O receitario recolle unha selección de receitas tradicionais dos oito concellos da comarca (Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa) que reflicten a esencia dunha cociña que une o mar e a terra, o agro e a pesca, a tradición e a creatividade. Amais, trátase dunha recompilación que na súa práctica totalidade foi feita a partir de testemuños de mulleres, que cos seus coñecementos da tradición culinaria manteñen viva a memoria da comarca.

Os pratos conxugan produtos propios da zona do Lérez, área prelitoral que mestura mar e terra, agro e pesca, e resulta nunha cociña profundamente vencellada ao territorio. Así, a publicación contará con 21 pratos e unha decena de sobremesas como as ameixas á mariñeira, o caldo de Mourente, o xabarín con mazás, as filloas ou o bolo de San Martiño. A publicación inclúe un texto introdutorio que salienta a alimentación de proximidade, sostible e vencellada ao territorio, unha homenaxe á memoria culinaria compartida e é unha invitación a redescubrir os sabores que continúan a definir Pontevedra.

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Publicacións Relacionadas