O Concello de Portas reforza, un ano máis, o seu compromiso co acceso á cultura da mocidade local a través do programa “Portas Xove”, que permitirá ás persoas empadroadas no municipio, con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, asistir aos tres días do Festival PortAmérica por un prezo simbólico de 20 euros, máis os gastos de xestión correspondentes.
Como novidade este ano, grazas ás xestións do alcalde Ricardo Martínez coa organización do evento, tamén as persoas maiores de 30 anos empadroadas en Portas poderán adquirir o seu abono por 50 euros, máis os gastos de xestión correspondentes.
Para beneficiarse destas tarifas especiais, será necesario solicitar un código personalizado nas oficinas do Concello, presentando o DNI, e empregalo na plataforma oficial de venda de entradas do festival. As entradas serán nominativas e intransferibles, co fin de garantir unha distribución equitativa e evitar usos indebidos.
“Esta iniciativa permite achegar á mocidade á cultura e garantir que toda a veciñanza de Portas poida gozar dun evento de primeiro nivel a prezos accesibles”, destacou o alcalde.
UNHA EXPERIENCIA CULTURAL ÚNICA
O Festival PortAmérica 2025 celebrarase os días 3, 4 e 5 de xullo nas inmediacións da Azucreira de Portas, cun cartel musical de gran diversidade e calidade, no que destacan artistas como Emilia, Melendi, Love of Lesbian, Mikel Izal, Viva Suecia, Duncan Dhu, Iván Ferreiro, Sidonie, La La Love You, No Te Va Gustar, entre outros moitos.
Ademais da programación musical, o festival contará cunha nova edición do multipremiado ShowRocking, considerada a maior cociña efémera do mundo, liderada polo recoñecido chef Pepe Solla. Máis de 30 chefs de prestixio internacional, moitos deles con Estrelas Michelin, ofrecerán máis de 20.000 petiscos a prezos populares, creados en exclusiva para o evento. Entre os nomes destacados están Albert Adrià, Jordi Roca, Vicky Sevilla, Janaina Torres ou Vasco Coelho Santos.
PortAmérica continúa así a súa aposta por fusionar música, gastronomía e comunidade, consolidándose como punto de encontro cultural entre Europa e América Latina.
Dende o Concello de Portas e a organización do festival anímase a toda a mocidade e á veciñanza a aproveitar esta oportunidade única para participar nesta experiencia cultural de referencia.