O Auditorio da Azucreira acollerá as representacións teatrais os domingos 19 e 26 de marzo e o 2 de abril
O Concello de Portas pon en marcha o primeiro Ciclo de Teatro Afeccionado que terá como protagonistas aos grupos Aturuxo Teatro de Baión (Vilanova de Arousa), Teatro Chaín (Gondomar) e o Teatro Candelas, de Lantaño (Portas). As representacións terán lugar os domingos 19 e 26 de marzo e 2 de abril a partir das 19 horas no Auditorio da Azucreira, segundo informaron o alcalde Ricardo Martínez e a concelleira Ana Peña durante a presentación desta actividade cultural.
Con esta iniciativa o Concello de Portas, como organizador e promotor deste ciclo de teatro, pretende visibilizar o traballo que fan as compañías de teatro afeccionado e achegar ao público en xeral unha oferta cultural variada que xirará en torno ás representación que se fagan sobre o escenario.
Comezará este ciclo de o Grupo de Teatro Aturuxo, de Baión (Vilanova de Arousa) que porá en escena o domingo 19 de marzo ás 19 horas a obra “O achado do castro”. A entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible no Auditorio da Azucreira de Portas.
“O ACHADO DO CASTRO”, A PRIMEIRA OBRA A ESCENA
O teatro converteuse desde hai décadas nunha das grandes apostas da Asociación Cultural O Castro, de Baión, que puxo en marcha o grupo Aturuxo, baixo a tutela de Fátima Rey. O grupo estrea este domingo o ciclo coa comedia “O achado do Castro”, unha obra que levará aos espectadores ata a Roma antiga. Emperadores, soldados, filósofos, ladróns, amor e, sobre todo, humor serán o principal reclamo da obra.



