HomePontevedraO Concello de Redondela amplía a case 100.000 euros os convenios con...

O Concello de Redondela amplía a case 100.000 euros os convenios con nove entidades sociais e asistenciais

- Anuncio -spot_img

– O Concello de Redondela acolleu hoxe a sinatura dos convenios anuais cun total de nove asociacións e entidades que traballan no ámbito social e asistencial no municipio. O importe das subvencións amplíase este ano ata os 97.280 euros.

– A alcaldesa, Digna Rivas, puxo de manifesto a importancia de apoiar desde o Concello a estes colectivos “que desenvolven unha gran  labor social e asistencial da que se benefician moitas familias do noso municipio”.

O Concello de Redondela acolleu este mediodía o acto de sinatura de nove convenios con outras tantas asociacións e entidades que realizan labores sociais e asistenciais no municipio. Trátase de Andaina, Lenda, DaMan, Asociación contra o Cancro, Fundación Amigos de Galicia, Afaga, Cáritas, Fundación Santa Cruz e Asociación de Axuda ao Pobo Saharauí. Os representantes das diferentes organizacións asinaron o acordo coa alcaldesa, Digna Rivas, nun acto no que participou tamén a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa. Desde o Concello salientan que neste exercicio adiantouse a sinatura destes acordos ao mes de outubro, o que facilita o traballo de organización e xestión dos diferentes colectivos. O importe total dos nove convenios ascende a 97.280 euros.

Andaina, asociación sen ánimo de lucro creada por familias de nenos e nenas con diversidade funcional, atende tamén a persoas tanto na etapa adulta como na infancia. O convenio do Concello con esta asociación ascende a 20.000 euros. É a mesma cantidade que recibe Lenda, asociación de Saúde Mental que presta atención, asesoramento e información aos enfermos e familiares. Realizan labores de sensibilización e actividades de ocio, obradoiros, viaxes e deportes. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que ademais que as dúas asocaicións “participan activamente en todas as actividades e eventos que se realizan no municipio”.   

Afaga Alzhéimer, entidade sen ánimo de lucro, realiza actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias. En Redondela ofrecen talleres de estimulación funcional e cognitiva e tamén de prevención do deterioro cognitivo. O convenio con Afaga increméntase este ano con 3.000 euros máis con respecto ao exercicio anterior, cun total de 18.000 euros.

No convenio con Cáritas Redondela-Vilavella a subvención ascende a 20.000 euros. A entidade ofrece atención directa aos usuarios con reparto de alimentos e axudas no pago de alugueiros. Contan tamén cun programa de atención da alimentación na infancia e obradoiros de emprego de habilidades sociais, entre outras actividades.

A Asociación Española contra o Cancro, que ofrece atención psicolóxica, sanitaria e social para os enfermos de cancro e as súas familias, realiza tamén unha gran labor de divulgación. A achega do Concello de Redondela con esta asociación ascende a 6.000 euros. Esa mesma cantidade é que reciben a Fundación Amigos de Galicia, cuxo traballo se centra na prevención da exclusión social de familias en situación de risco con menores a cargo. O reparto de alimentos, roupa e calzado, material escolar ou produtos de hixiene son algunhas das actividades que realizan en Redondela.

Outra das entidades coas que se asinou un convenio é a Fundación Santa Cruz, que traballa para mellorar a calidade de vida de colectivos en situación de desprotección especial. Prestan atención gratuíta a persoas enfermas sen recursos e marxinadas d contan con albergue e casa de acollida. A subvención ascende a 3.000 euros.

A ONG DaMan asinou o convenio por un importe de 2.500 para a súa labor de mellora das condicións de vida das comunidades máis pobres do mundo, onde realiza intervención sanitaria e educativa, así como campañas de sensibilización dentro do ámbito municipal. No caso da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, traballan co fin  de proporcionarlles a estancia en Galicia ás nenas e nenos saharauís co programa Vacacións en Paz. Neste período facilitan tamén aos menores asistencia médica e alternativas de ocio que lles evitan pasar os meses de xullo e agosto nos campamentos, onde sofren altas temperaturas. O convenio do Concello con esta asociación ascende a 1.780 euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que é un compromiso do seu goberno “apoiar a labor que están a realizar as diferentes asociacións e entidades en beneficio da veciñanza redondelá no ámbitos social, asistencial e sanitario, especialmente coa poboación máis vulnerable”.

Publicacións Relacionadas