- A alcaldesa, Digna Rivas, denuncia o “estado deficiente” das beirarrúas, que xa provocaron caídas e lesións entre a veciñanza. Rivas advirte tamén de tramos con curvas perigosas que supoñen un risco tanto para o tráfico rodado como para os peóns.
- O Goberno local urxe medidas para calmar o tráfico no acceso ao centro da vila pola rúa Xoán Manuel Pereira, e o resalte do paso de peóns desde a rúa San Xoán de Arcal. Os veciños afirman que os vehículos “non respecta a velocidade nin o paso de peóns”, o que supón un perigo especialmente para os nenos e persoas con mobilidade reducida”.
O Concello volve esixir á Xunta de Galicia unha intervención na estrada autonómica PO-250, que une o municipio con Pazos de Borbén. A administración local leva anos reclamando melloras de seguridade viaria ante o progresivo deterioro dunha vía fundamental para a comunicación da parroquia de Reboreda.
O estado das beirarrúas é un dos puntos máis críticos. Segundo explica o Goberno local, existen numerosos tramos con baldosas rotas, desprazadas ou con desniveis. Esta situación xa ten provocado caídas de veciños e veciñas, con consecuencias especialmente graves para persoas con mobilidade reducida. A alcaldesa, Digna Rivas, advirte ademais da existencia de “curvas perigosas que supoñen un risco tanto para o tráfico rodado como para os peóns”. “Non podemos esperar máis. A falta de seguridade na PO-250 é un perigo real, especialmente para nenos e persoas maiores. A Xunta debe asumir a súa responsabilidade e garantir unha mobilidade segura para os veciños de Reboreda”, afirma a alcaldesa.
Punto crítico no acceso ao centro.
Unha das maiores preocupacións céntrase na confluencia da PO-250 co centro urbano, na rúa Xoán Manuel Pereira. Tanto o Concello como os residentes da zona urxen á Xunta a adoptar medidas de calmado do tráfico neste tramo. A petición inclúe a mellora das beirarrúas e a instalación dun paso de peóns resaltado no acceso dende a rúa San Xoán de Arcal. Os veciños denuncian que os vehículos “non respectan os límites de velocidade nin o paso de peóns”, unha situación insostible nunha zona de tránsito peonil constante. AS demandas neste tramo remóntanse a anos atrás. En 2023 o Concello remitiu un informe da Policía Local á Deputación de Pontevedra, administración da que depende a rúa San Xoán de Arcal. O documento demanda actuacións nesta vía para mellorar a mobilidade de tráfico e peóns. Ata o de agora o Concello non recibiu resposta por parte do organismo provincial.



