HomePontevedraO Concello de Redondela estreita lazos coas familias das vítimas de San...

O Concello de Redondela estreita lazos coas familias das vítimas de San Simón grazas á nova web de Memoria Democrática

- Anuncio -spot_img

– A divulgación de datos sobre os presos da illa permitiu contactar coa bisneta de Francisco Merino, cuxa historia foi recuperada por María Pilar López Vera no libro “Francisco Merino, el alcalde de los mantecaos”.

– A alcaldesa, Digna Rivas,  reafirma o seu compromiso “coa reparación e visibilización das historias silenciadas no campo de concentración” e convida a toda a cidadanía e descendentes de presos en San Simón a utilizar o contacto da web “para seguir tecendo esta rede de dignidade e recordo”.

O traballo de recuperación da Memoria Democrática impulsado polo Concello de Redondela continúa a dar froitos. Grazas ao labor de difusión realizado a través da nova páxina web de Memoria Democrática, o Concello ten contactado con familiares de presos que sufriron o horror da Illa de San Simón. Un dos máis recentes é o da bisneta de Francisco Merino, quen documentou o periplo do seu antepasado no libro “Francisco Merino, el alcalde de los mantecaos”. A obra recupera e dignifica a memoria de quen foi unha das miles de vítimas do franquismo que pasaron polo lazareto reconvertido en colonia penitenciaria.

Unha ferramenta para o reencontro

O proxecto de dixitalización e publicación dos datos dos represaliados busca precisamente isto: que os nomes e apelidos que constan nos arquivos cheguen ás súas familias. A páxina web permite aos descendentes non só consultar información, senón tamén achegar testemuños que axudan a completar o mapa emocional e histórico de San Simón. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que este tipo de achados “dan sentido a todo o esforzo institucional”. Segundo a rexedora, a declaración da illa como Lugar de Memoria Democrática debe ir acompañada dunha labor constante de posta en común coa sociedade civil e as asociacións de memoria.

Francisco Merino: da alcaldía ao “campo de exterminio”

A historia de Francisco Merino é o reflexo de moitos outros que, por defender a legalidade democrática, acabaron detidos. O libro da súa bisneta non só é un exercicio de xenealoxía familiar, senón unha crónica necesaria sobre a represión e a vida diaria na enseada de San Simón durante os anos máis escuros da ditadura. Un Consello de Guerra sentenciouno a Reclusión Perpetua o 25 de novembro de 1939. Consta o seu falacemento por “cardiopatía” o 14 de xuño de 1941 na illa.

A alcaldesa, responsable da Concellería de Memoria Democrática, convida a toda a cidadanía e a descendentes de presos en San Simón a seguir utilizando as ferramentas de contacto da web “para seguir tecendo esta rede de dignidade e recordo”.

Publicacións Relacionadas