HomePontevedraO concello de Redondela mellora a seguridade e os servizos no rural...

O concello de Redondela mellora a seguridade e os servizos no rural con novos asfaltados en Negros, Ventosela e Vilar

- Anuncio -spot_img

– A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade rematou as obras do Camiño do Lameiro, en Santo Estevo de Negros, e o Camiño de Zabarís, en Ventosela, ambas financiadas a través dos Orzamentos Participativos.

– O concelleiro, Roberto Villar, sinala que tamén se están a executar melloras con fondos propios do Concello en Vilar e anuncia novas intervencións en Chapela.

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, continúa co seu plan de mellora da rede viaria nas parroquias do rural co obxectivo de garantir a seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas. Entre as actuacións recentemente rematadas destaca a reforma do Camiño do Lameiro, na parroquia de Santo Estevo de Negros. Cunha inversión de preto de 22.000 euros, os traballos centráronse na reposición total do firme e, moi especialmente, na mellora e localización da rede de pluviais, “solucionando así os problemas de canalización que afectaban á zona”, explica o concelleiro Roberto Villar. Esta obra foi executada grazas aos Orzamentos Participativos do Consello Parroquial de Negros. Nesta mesma liña de colaboración veciñal, atópanse practicamente rematadas as obras do Camiño de Sabarís, en San Martiño de Ventosela. Cun orzamento tamén próximo aos 22.000 euros procedentes dos Orzamentos Participativos da parroquia, a intervención consistiu na pavimentación e posta a punto desta vía.

O concelleiro salientou a importancia destas actuacións: “A prioridade deste goberno é manter o noso rural vivo e con servizos dignos. No caso de Negros, non se trataba só de botar asfalto, senón de solucionar un problema grave coas pluviais que afectaba á durabilidade do firme e á seguridade dos veciños”, explica Villar. Desde o Concello de Redondela ponse en valor a ferramenta dos orzamentos participativos: “É a propia veciñanza, a través dos seus consellos parroquiais, a que decide onde é máis necesario actuar, o que nos permite ser moito máis eficaces na xestión”. Xunto a estas obras o Concello tamén mobilizou recursos propios para a mellora do Camiño das Laxes e o Carreiro da Auga, en Vilar, cunha inversión que rolda os 20.000 euros.

Dende a Concellería avanzan que as previsións a curto prazo inclúen o asfaltado do camiño do Convento, en Reboreda, así como o camiño do Carrascal, que comunica Redondela con Ventosela. De xeito paralelo, as brigadas municipais continúan cos labores de mantemento e reparacións en todo o termo municipal xa hai multitude de camiños afectados polos numerosos temporais. Actualmente realízanse arranxos nos camiños da Coutada Grande, da Traída e do Valeiro (Chapela). “Seguimos traballando de xeito constante, tanto en grandes proxectos de pavimentación como nas pequenas reparacións diarias que son fundamentais para o día a día do municipio Redondela”, concluíu Roberto Villar.

Publicacións Relacionadas