– A programación dos Roteiros Ambientais e Culturais inclúe rutas nocturnas que tiveron moito éxito no verán, actividades de exploración para a rapazada, observación de aves, paseos en bicicleta ou kaiak e moito máis. Os martes continúan as visitas guiadas ao cemiterio dos Eidos e a ruta “Redondela oculta, entre a lenda e a superstición.
O Concello de Redondela ofrece no mes de setembro unha ducia de actividades de turismo ambiental e cultural para público de todas as idades. Logo do éxito da programación de xullo e agosto, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente continúan con propostas a pé, en bicicleta ou kaiak que se realizan sempre con guía profesional. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”. A programación continuará no mes de outubro.
Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.
Calendario de actividades
Martes 2: Visita guiada ao cemiterio dos Eidos. 21.00 horas, de balde.
Sábado 6: Explora a natureza en Reboreda. Nenos de 8 a 12 anos. 16.00 horas, de balde.
Martes 9: Visita “Redondela oculta, entre a lenda e a superstición”. 21.00 horas, de balde.
Domingo 14: Ruta polo bosque de ribeira do río Pexegueiro, en colaboración co Obradoiro de Estudos Locais Fenrnando Monroy. 10.00 horas, de balde.
Martes 16: Visita guiada cemiterio dos Eidos. 21.00 horas, de balde.
Xoves 18: Ruta en bicicleta e observación de aves na Portela. 19.00 horas. Con bicicleta propia 5€/persoa. Con bicicleta do Concello 8€/persoa.
Sábado 20: Ruta nocturna polo río Maceiras. Actividade ambiental. 22.00 horas, de balde.
Domingo 21: Ruta por bosques e fervenzas do río Fondón, Chapela. 10.00 horas, de balde.
Martes 23: Visita “Redondela oculta, entre a lenda e a superstición”. 21.00 horas, de balde.
Sábado día 27: Visita á zona intermareal de Cesantes. 10.00 horas, de balde.
Domingo día 28: Ruta en kaiak pola enseada de San Simón. 11.00 horas, 20€/persoa.
Martes día 30: Visita guiada cemiterio dos Eidos. 21.00 horas, de balde.

