HomePontevedraO Concello de Redondela reitera ao SEAGA a demanda dunha actuación “urxente”...

O Concello de Redondela reitera ao SEAGA a demanda dunha actuación “urxente” na limpeza das zonas en risco de incendio forestal

- Anuncio -spot_img

– O Concello de Redondela denuncia que SEAGA non realizou as limpezas correspondentes aos anos 2024 e 2025. Hai máis dun ano a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a tala da biomasa en diferentes espazos, como a zona de Río Frío en Chapela, pero aínda non fixeron os traballos.

– A alcaldesa, Digna Rivas, esixe que estes traballos se realicen de maneira urxente nas denominadas “faixas secundarias” para previr incendios. O convenio co SEAGA establece que debe realizar a limpeza de ata 10 hectáreas cada ano, pero aínda non a fixo. Desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”.

O Concello de Redondela denuncia que a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos que depende da Xunta, SEAGA, non realizou as limpezas correspondentes aos anos 2024 e 2025. Hai máis dun ano a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a limpeza e tala da biomasa en diferentes espazos como a zona de Río Frío en Chapela, pero aínda non se realizou. A alcaldesa, Digna Rivas, esixe que estes traballos se realicen de maneira urxente nas denominadas “faixas secundarias” do municipio para previr incendios. Trátase de franxas de 50 metros ao redor de construcións e vivendas que deben manterse limpas e sen especies pirófitas, propensas a propagar lumes. Conservar estas zonas de monte correctamente “é esencial para evitar a proliferación de lumes en puntos sensibles”, sinala o  concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez. O edil explica que teñen conversas telefónicas co SEAGA en numerosas ocasións “onde nos transmiten a súa intención de actuar, pero o tempo pasa e as limpezas non se fan”. Álvarez insiste en que o traballo do SEAGA é “esencial” para previr lumes. Desde o Concello ofrécese “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación e que se realicen os traballos”.

O Concello de Redondela, a Consellería do Medio Rural, a FEGAMP e o SEAGA asinaron o convenio en 2022. A través deste acordo a empresa pública debe acometer a limpeza de ata 10 hectáreas no municipio cada ano, pero aínda non se realizou. Álvarez, explica que “debe ser Medio Rural quen realice a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas, na súa maior parte eucaliptos e piñeiros”. O concelleiro confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible”.

Control das talas

No caso das talas que a Xunta de Galicia é responsable de autorizar a empresas e particulares, o concelleiro demanda tamén á Xunta que verifique que os traballos se realizan correctamente tanto durante as labores de tala como despois, “para asegurar que a zona queda limpa e sen restos de maleza que poidan supoñer un grave risco de incendio”.

Coordinación na prevención de incendios

Álvarez sinala tamén que desde a Xunta de Galicia se convocou aos Concellos a unha reunión para a coordinación da prevención de incendios forestais. O encontro celebrouse na xornada de onte martes. O edil sinala que é “moi positivo” que desde a Xunta se fagan estas reunións de coordinación pero lamenta que neste caso chegou “moi tarde”, xa que as labores de prevención é preciso facelas “ao longo de todo o ano, antes de chegar a época de maior risco”.

Publicacións Relacionadas