Desde o pasado 18 de agosto o Concello de Salceda de Caselas conta xa co seu Servizo de Normalización Lingüística
O Concello de Salceda de Caselas vén de poñer en marcha un novo servizo para a veciñanza: o Servizo de Normalización Lingüística, para o cal conta con unha subvención de 33.268,94 € da Deputación de Pontevedra.
Este servizo, dotado de persoal técnico, xa está en funcionamento e á disposición da veciñanza na planta baixa da casa consistorial. Entre as súas funcións están asesorar e resolver dúbidas lingüísticas, mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración local, colaborar cos departamentos municipais, así como coas asociacións de Salceda, para que a lingua galega estea presente nos textos, carteis, rótulos etc. que se publiquen; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade ou planificar, xestionar e coordinar cursos de lingua galega dirixidos tanto ao persoal da Administración coma a diferentes sectores sociais, entre outras accións.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, destacou que “O noso compromiso coa lingua galega é real e por iso, mediante a creación deste servizo, pretendemos poñela en valor e ofrecerlle un recurso á cidadanía e ao persoal do Concello para que resolvan as súas dúbidas lingüísticas, así como dinamizar a lingua galega a través de diferentes actividades”.
A técnica de normalización está a centrar as súas primeiras semanas de servizo na revisión da documentación interna do Concello e das súas canles de comunicación, e unha vez rematada esta primeira etapa pasará a dedicar un maior tempo á atención de asociacións e colectivos.
O equipo de goberno quere animar ao tecido asociativo a facer uso deste servizo, conscientes de que en moitas ocasións os colectivos teñen numerosas dúbidas lingüísticas á hora de promocionar os seus eventos ou actividades. A técnica municipal de normalización lingüística está á súa disposición para colaborar e asesorar ás directivas en todo o relacionado co emprego da lingua. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Alex Rodríguez, reiterou a disposición do departamento e lembrou que o apoio ao tecido asociativo é un dos motivos fundamentais para a posta en marcha deste servizo.