O Concello de Salvaterra de Miño vén de manter unha primeira reunión de traballo para dar comezo ao proceso de adxudicación dos traballos e á tramitación dos permisos necesarios para levar a cabo a exhumación da fosa localizada no cemiterio municipal.
Esta actuación será posible grazas á concesión dunha axuda económica por parte da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), dentro do “VI Plan de Recuperación de Memoria Democrática 2025-2026”, que destina ao municipio unha contía de 7.500 euros para a realización de actuacións de recuperación da Memoria Democrática.
O proxecto, solicitado polo Concello a finais do ano 2025, ten como obxectivo comezar unha nova exhumación dunha segunda fosa localizada en Salvaterra de Miño, unha iniciativa que naceu dunha reunión previa entre a alcaldesa, Marta Valcárcel, e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño – Condado – Louriña.
Os traballos de investigación desenvolvidos pola Comisión céntranse na localización dos restos de tres persoas: Bernardo Bernárdez Martínez, Delfín Rey Sánchez e unha terceira persoa descoñecida, que segundo as partidas de defunción obtidas no xulgado de paz municipal foron soterradas no cemiterio de Salvaterra.
Na reunión celebrada nos últimos días abordáronse os primeiros pasos administrativos e técnicos necesarios para poñer en marcha a intervención. A estimación que se manexa actualmente sitúa o inicio efectivo dos traballos nun prazo aproximado de dous meses, unha vez completados os trámites de adxudicación e obtidas as autorizacións correspondentes.
Dende o Concello sinalan que este proxecto supón un novo avance no compromiso institucional coa recuperación da memoria democrática, coa dignificación das vítimas e co dereito das familias a coñecer a verdade sobre o sucedido.



