O Concello de Salvaterra de Miño, dentro da liña de posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural e a través da subvención da Deputación de Pontevedra para rehabilitación do Patrimonio, ven de iniciar os traballos de limpeza e conservación do cruceiro do Casco, na parroquia de Fornelos, por un importe de preto de 5.000,00€
As obras a realizar serán a limpeza superficial do monumento utilizando medios manuais que respecten a pátina da pedra, a reparación da fenda que presenta o capitel na súa cara oeste, así como a substitución do perpiaño serrado que presenta a plataforma no vento norte, que será substituída por outra labrada a man, para posteriormente instalar un bordiño perimetral de granito que o protexa dos vehículos a motor. Desta forma, mellorarase a estética e as condición de conservación deste ben cultural, ao tempo que se embelece e coida un nodo de comunicación no barrio do Casco protagonizado por estradas e camiños locais.