HomePontevedraO concello de Soutomaior acada o compromiso da Xunta de que a...

O concello de Soutomaior acada o compromiso da Xunta de que a nova pasarela do Santiago Apostol estará estará aberta en dúas semanas

- Anuncio -spot_img

O Goberno local enviou un escrito antes do inicio de curso á Xefatura Territorial de Infraestruturas no que urxía a instalación da nova pasarela ao carón do Colexio Santiago Apóstol, así como medidas para o calmado de tráfico na recta da estrada PO-244 ás aforas do núcleo urbano de Soutomaior, co obxectivo de resolver os problemas de inseguridade que afectan a este tramo.

O Concello de Soutomaior vén de recibir esta mañá a confirmación por parte da Xunta de que a nova pasarela do Colexio Santiago Apostol estará instalada nun prazo máximo de dúas semanas. Esta comunicación chega despois dos traballos desenvoltos polo Concello de Soutomaior durante todo o verán para acelerar a construción desta nova pasarela, e despois de que o Goberno local enviase un escrito antes do comezo do curso escolar á Xefatura Territorial de Infraestruturas para solicitar esta actuación e o desenvolvemento de medidas para o calmado de tráfico na recta da estrada PO-244 ás aforas do núcleo urbano de Soutomaior.

Desde a Xefatura Territorial de Infraestruturas enviaron este martes un técnico que corroborou in situ os problemas de inseguridade existentes no centro escolar debido á demora na instalación da nova pasarela. Uns problemas de inseguridade que xa trasladara en varias ocasións o Concello de Soutomaior durante o verán. Tras a revisión técnica, o goberno local de Soutomaior acadou o compromiso de que a nova pasarela estará instalada nun prazo máximo de dúas semanas.

Por outra parte, o técnico da Xefatura Territorial tamén corroborou a necesidade de desenvolver medidas para o calmado de tráfico na recta da estrada PO-244 ás aforas do núcleo urbano de Soutomaior, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade nesta zona. Neste sentido, púxose en marcha un informe por parte da Xefatura Territorial para avaliar as posibles solucións e medidas para o calmado de tráfico.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, valorou positivamente que exista un prazo para a instalación da nova pasarela, e asegurou que “seguiremos a traballar, como durante todo o verán, para solicitar que a pasarela estea aberta canto antes e se poida adiantar ese prazo máximo de dúas semanas todo o posible”.

En canto ás medidas para o calmado de tráfico na recta da estrada PO-244 ás aforas do núcleo urbano de Soutomaior, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “levamos tempo a solicitar que se leven a cabo medidas para garantir a seguridade nesta estrada, polo que a elaboración deste informe por parte da Xefatura Territorial de Infraestruturas é un paso na liña do correcto. O Goberno local estará pendente dos resultados deste informe e traballará para solicitar que as palabras se convertan en feito e esta recta, que conecta a estrada PO-244 co núcleo urbano de Soutomaior, conte con medidas de calmado de tráfico canto antes”.

Publicacións Relacionadas