HomePontevedraO Concello de Soutomaior celebra o Día Mundial do Turismo cun evento...

O Concello de Soutomaior celebra o Día Mundial do Turismo cun evento que pon en valor o Camiño de Santiago

- Anuncio -spot_img

O concello organiza, con motivo deste Día Mundial, unha mesa conformada por xente experta no camiño e representantes turísticos locais no mundo do camiño de Santiago no concello de Soutomaior.  

Coa celebración deste evento o próximo 27 de setembro, o Concello de Soutomaior quere posicionar o Camiño de Santiago como un produto turístico sostible a longo prazo e comunicar as liñas nas que están traballando marcadas por: unha gobernanza eficaz, unha planificación estratéxica centrada nas persoas, unha xestión responsable dos recursos naturais e unha escoita activa dos axentes económicos do Concello de Soutomaior.

Entre outras iniciativas, a organización deste evento dá continuidade a outras accións que se levaron a cabo como por exemplo, as mesas de traballo cos profesionais e empresas do concello celebradas a finais do 2024. Un ano onde tivo lugar o proxecto “Experiencias do camiño de Santiago” onde se puxo en relación ao sector turístico local co fin de sacarlle o maior rendemento posible ao Camiño de Santiago, e nesa relación, e  a todo o que se ven traballando no camiño de Santiago,  naceu esta actividade.

Con tal motivo o próximo sábado 27 de setembro ás 19.30 h o Multiúsos de Arcade acollerá unha experiencia con tertulia e música en directo co cantautor Manoele de Felisa.  Unha mesa composta por xente experta no camiño e representantes turísticos locais no mundo do camiño de Santiago no concello de Soutomaior.

A velada comezará coa presentación da mesma por parte Silvia Cernadas. A responsable de turismo apostou por celebrar o Día Mundial do Turismo nun lugar que ilustra un caso de transformación dun espazo para novos usos. A antiga fábrica de carburos de calcio, Laforet, foi rehabilitada e destinada a múltiples funcións acordes ao momento no que vivimos.

De seguido comezará a tertulia con persoas de diferentes ámbitos para dialogar sobre o Camiño de Santiago. A antropóloga Lidia Mariño será a encargada de facer un percorrido por algúns dos seres míticos e lendas máis importantes do Camiño de Santiago: a Raíña Lupa, a Santa Compaña, o Santo Graal… Estas lendas revelarán a existencia doutro Camiño, moito máis antigo, baseado en ideas espirituais vinculadas co ciclo do sol.

Outro dos participantes será un experto e referente cando se fala do Camiño de Santiago: o investigador, escritor, hospitaleiro e peregrino, José Antonio de la Riera; que achegará o pasado, presente e futuro do Camiño de Santiago.

Co propósito de dar voz aos axentes económicos de Soutomaior, dúas empresarias da localidade falarán sobre a súa experiencia con negocios vinculados ao Camiño de Santiago. Lisi Martínez do albergue A Filla do Mar coas as súas vivencias nese contacto diario que ten cos peregrinos que recibe no seu establecemento de hostalería situado na entrada do concello. Pola súa banda, Susi Soto falará da fermosa historia de A Mochila da Luz, unha mochila cargada de historias humanas que cada mes de xullo sae do Porto peregrinando a Santiago de Compostela.

O cantautor galego Manoele de Felisa interpretará varias cancións do seu disco Cancioneiro do Camiño para achegarnos con historia e historias, contos e cantos, a realidade do camiño de Santiago.

A tertulia estará dirixida pola profesional do turismo Minia Del Río de Latexos de Turismo.

O Concello de Soutomaior convida a tódalas persoas a facer o seu propio camiño a través das lendas, contos e cantos asistindo a este cita o próximo 27 de setembro e unirse a celebrar o Día Mundial do Turismo.

Publicacións Relacionadas