O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro Diego Moreira mantiveron unha xuntanza de traballo co decano da facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, para avanzar no acordo de colaboración.
O Concello de Soutomaior asinará senllos convenios de colaboración coas Universidades de Vigo (UVigo) e Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de que alumnado poida cursar as súas prácticas curriculares no Concello. Ademais, o acordo con ambas as dúas institucións universitarias tamén pretende avanzar noutras iniciativas colaborativas que favorezan positivamente tanto ao Concello de Soutomaior como á UVigo e á USC.
O goberno de Soutomaior ten como unha das súas liñas de actuación establecer convenios de colaboración con entidades educativas, como as universidades. Neste sentido, e despois de que a USC se puxese en contacto co Concello para establecer un convenio de prácticas para unha alumna veciña do concello, o goberno local acelerou o proceso de elaboración dun convenio para que a colaboración coa USC se estendese a máis ámbitos e abranguese outras liñas de actuación.
En canto á UVigo, o goberno de Soutomaior leva semanas traballando para establecer un convenio de colaboración que sexa positivo para ambas as partes. Así, o goberno local xa mantivo contactos cos graos de Dereito e Xestión Pública para avanzar neste sentido. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Interior, Diego Moreira, mantiveron unha xuntanza de traballo este mércores, 20 de setembro, co decano da facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, na que se sentaron as bases do acordo de colaboración.
Á saída da xuntanza, o alcalde Manu Lourenzo comentou que “a sintonía e o bo entendemento foron mutuos e estamos seguros que o acordo de colaboración vai ser positivo para o Concello de Soutomaior e para as universidades e vai permitir avanzar a todas as institucións”. Lourenzo tamén destacou o traballo realizado durante todo o verán polo goberno de Soutomaior para “conseguir que os convenios de colaboración estean vixentes o antes posible e poidamos comezar a traballar man con man coa UVigo e a USC de cara a desenvolver proxectos e iniciativas que poñan en valor Soutomaior e todo o seu potencial”.