A risoterapia, pilates, ximnasia de mantemento, alimentación saudable, iniciación a cestería e a elaboración de xabóns serán as protagonistas desta nova edición de Enredadas. Actividades, todas elas de balde, que se desenvolven en colaboración con oito asociacións do concello de Soutomaior , dentro das asociacións de mulleres ou asociacións veciñais con vogalía de muller, como parte do Programa de dinamización comunitaria.
Esta mañá a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, e a concelleira de asociacións, Charo Bouzón, presentaron unha nova edición de Enredadas. Esta cuarta edición do programa, ao abeiro da oficina CIM, está impulsada polo concello de Soutomaior dende a concellaría de Igualdade e de Benestar Social e conta coa subvención da Deputación de Pontevedra. Unha edición na que este ano se sumaron dúas asociacións do concello chegando ás oito asociacións participantes.
Durante os meses de febreiro a maio, un conxunto de iniciativas e actividades grupais dirixidas a mulleres de máis de 18 anos e realizadas en colaboración con distintas asociacións veciñais daranse cita no concello.
Os obxectivos de ‘Enredadas’ van desde afastar da soidade a estas mulleres ata traballar o seu autocoñecemento, a autoestima, a asertividade… así como fomentar o aumento do seu grao de empoderamento e a creación ou afianzamento das redes de apoio entre elas. Todas estas sesións terán un transfundo lúdico e traballaranse todos estes conceptos a través de xogos e dinámicas, actividades, exercicios de relaxación, entre outros. En canto á colaboración coas asociacións veciñais, por unha banda inténtase fomentar a vida nos distintos barrios do concello, e por outra facilitar o desprazamento ás mulleres participantes.
As actividades, todas elas de balde, comezarán, na meirande parte, na primeira quincena de febreiro, e serán de carácter semanal. Así, do 4 de febreiro ao 8 de abril impartirase todos os mércores en horario de 17:00 a 18:30 h. un obradoiro de risoterapia, en colaboración coa Asociación de Veciños de Romariz. O día 2 de febreiro comezarán as clases de pilates en colaboración coa Asociación de Veciños de Moreira que se desenvolverá ata o 25 de maio. Do 2 de febreiro ao 25 de maio será a quenda do obradoiro de ximnasia de mantemento en colaboración coa asociación O Carballo das Chans. Do 6 de febreiro ao 20 de marzo aterrará o obradoiro de alimentación saudable e cociña de aproveitamento en colaboración coa Asociación Oito de Decembro. O día 3 de febreiro ata o 14 de abril a Asociación Veciñal Pozovello contará co obradoiro de iniciación á cestería. A elaboración de xabóns reciclando aceite usado será, do 2 de febreiro ao 20 de abril, a protagonista do obradoiro que se impartirá coa Asociación de Mulleres Marroquís, as veciñas de Alxán elixiron, un ano máis, dende o 5 de febreiro ao 26 de marzo o obradoiro de cociña saudable e as Mulleres Rurais Anduriña contarán co obradoiro de alimentación saudable e cociña de aproveitamento do 5 de febreiro ao 26 de marzo.
As mulleres interesadas en formar parte destas iniciativas poden inscribirse poñéndose en contacto de xeito directo coa Asociación que imparte a actividade elixida e que colabora cunha nova edición de Enredadas.



