- A actividade contará con tres quendas para facilitar o acceso do maior número posible de familias
O Concello de Soutomaior, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza un campamento infantil para familias con necesidade de conciliación durante o verán. A participación é totalmente gratuíta e conta con protocolos de protección contra a Covid-19 para protexer aos pequenos #ante posibles contagios. O prazo de inscrición finaliza o 18 de xuño.
O obxectivo do campamento, explicou o alcalde, Agustín Reguera, é “facilitar a conciliación ás familias durante as vacacións escolares, polo que o campamento contará cun horario flexible e adaptable ás súas necesidades”. Así, aínda que lle horario normal do campamento é de 09:00 a 14:00 horas, os pais que o necesiten poderán levar aos seus fillos a partir das 08:00 da mañá e terán a posibilidade de recollelos ata as 15:00 horas como máximo.
O campamento está dirixido a nenos e nenas entre 3 e 12 anos de idade e, para adaptarse ás diferentes necesidades das familias, ofrécese a posibilidade de participar en tres quendas diferentes, un do 23 ao 30 de xuño, outro do 1 ao 15 de xullo e o último do 19 ao 30 dese mesmo mes.
Como medida de protección sanitaria, cada participante dispoñerá do seu propio material de uso unipersoal para as actividades de cada día. Ademais, non se realizarán actividades que impliquen compartir obxectos nin comida. Para evitar aglomeracións, tanto a entrada como a saída de cada día farase de forma graduada e utilizando todos os accesos dispoñibles.
A inscrición é totalmente gratuíta e poderase realizar de forma telemática a través da páxina do concello de Soutomaior ou chamando por teléfono ao CIM. Os interesados en recibir máis información poden facelo a través da web www.soutomaior.com ou no teléfono 986 701 227.



