HomePontevedraBaixo MiñoO Concello de Tomiño énchese de enerxía limpa con catro puntos de...

O Concello de Tomiño énchese de enerxía limpa con catro puntos de recarga para vehículos eléctricos

- Anuncio -spot_img

Xa están en funcionamento dúas estacións en Tomiño e outras dúas en Goián que permitirán a carga simultánea de ata 8 coches

Tomiño dá un novo paso adiante na súa aposta por infraestruturas sostibles que melloran a vida diaria da veciñanza e coidan do territorio. O Concello xa ten en funcionamento catro estacións públicas de recarga para vehículos eléctricos, dúas situadas en Tomiño e dúas en Goián, que permitirán a carga simultánea de ata oito coches na vía pública.

Con esta actuación, o Goberno municipal reforza a súa estratexia de sostibilidade e eficiencia enerxética, facilitando e fomentando a mobilidade eléctrica tanto para a veciñanza como para persoas visitantes e profesionais da contorna. Trátase dun proxecto que responde á necesidade de avanzar cara a un modelo de transporte máis limpo e respectuoso co medio ambiente.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “a posta en marcha destes puntos de recarga é un paso máis na nosa aposta por un rural sostible e innovador. Queremos poñer facilidades reais para que a mobilidade eléctrica sexa unha opción accesible, reducindo as emisións contaminantes e investindo en infraestruturas verdes aliñadas cos obxectivos estatais e europeos”.

As dúas estacións situadas en Tomiño contan con dous cargadores con dúas tomas cada un, permitindo a carga simultánea de catro vehículos. Trátase de cargadores en corrente alterna (AC), con conectores tipo 2 e unha potencia de 22 kW por toma, alcanzando unha potencia total instalada de 88 kW.

Pola súa banda, en Goián instaláronse dous cargadores con tres tomas cada un. Aínda que dispoñen de seis tomas, poden cargar tamén ata catro vehículos de maneira simultánea. Estes puntos combinan unha toma en corrente alterna (AC) de 22 kW con conectores tipo 2 e dúas tomas en corrente continua (DC) con conectores CSS e CHAdeMO de ata 50 kW, cunha potencia total da instalación de 144 kW.

“Estas estacións son de acceso e uso público e están pensadas para dar servizo tanto a particulares como a profesionais na vía pública. Ademais, serven de exemplo e estímulo para todas aquelas persoas que están a valorar dar o paso cara ao vehículo eléctrico”, subliñou a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas