HomePontevedraBaixo MiñoO Concello de Tomiño mellora os salarios do persoal municipal na súa...

O Concello de Tomiño mellora os salarios do persoal municipal na súa nova relación de postos laborais

- Anuncio -spot_img

A nova RPT, froito dun ano de diálogo e consenso cos sindicatos con representación no Concello, suporá un avance na igualdade e equidade entre as e os traballadores municipais

Un Concello constrúese co esforzo diario das persoas que o fan funcionar. Con esa premisa, Tomiño aprobou de forma consensuada cos sindicatos con representación no Concello unha modificación da súa Relación de Postos de Traballo (RPT) que mellora tanto os salarios como a estrutura salarial de todo o persoal municipal, culminando un proceso iniciado a mediados de 2024 baseado na escoita activa, o consenso e a participación.

Durante máis dun ano, o Goberno local mantivo reunións continuas cos traballadores e cos representantes sindicais, co obxectivo de recoller as súas demandas e avanzar cara a unha organización interna máis xusta e equilibrada. O resultado é unha modificación que beneficia a todos os postos e recoñece novas funcións e responsabilidades, cun impacto económico importante: un incremento anual de máis de 200.000 euros que supón un importante compromiso económico para o Concello e que se aplicará en dúas fases: o 75% en 2026 e o 25% restante en 2027.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que esta mellora é posible grazas á boa xestión económica realizada polo Goberno municipal nos últimos anos, que permitiu acadar ao Concello débeda cero. Unha estabilidade financeira que posibilita agora “revertelo nas persoas que fan posible que o Concello funcione cada día, que conseguen financiamento, impulsan proxectos e fan que Tomiño sexa hoxe un exemplo de xestión pública e transparencia”.

Esta modificación da RPT “é un paso firme no compromiso por mellorar as condicións laborais e recoñecer o valor humano que sostén o Concello. Gran parte dos avances que experimentou Tomiño nos últimos anos débense ao bo facer e á implicación do noso persoal municipal, comprometido sempre cos servizos públicos”, engadiu a rexedora.

A alcaldesa tamén quixo “destacar o papel fundamental dos sindicatos durante o proceso e agradecer a implicación e o traballo dos seus representantes sindicais. A modificación da RPT é froito dun diálogo constante e dunha vontade compartida de mellorar, tendo en conta a maior parte das reivindicacións presentadas”.

A nova estrutura laboral supón un compromiso político e económico importante, pero tamén un avance cara a unha administración local máis transparente, equitativa e participativa. “Seguiremos traballando por unha xestión pública xusta, que poña ás persoas no centro e que faga de Tomiño un exemplo de boa gobernanza”, concluíu a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas