O obxectivo será visibilizar o traballo da Asociación Galega de Familias de Acollida e apoiar as familias que desexen ser acolledoras
O Concello de Tui e ACOUGO, a Asociación Galega de Familias de Acollida, dan os primeiros pasos para a sinatura dun convenio entre ambas entidades para visibilizar o traballo desta asociación e dar a coñecer a situación dos menores en centros de acollida e apoiar ás familias tudenses que desexen ser familias acolledoras.
Con este motivo recentemente o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, reuniuse coa directora xeral de ACOUGO, Carmen Dourado, nun encontro no que tamén participou a traballadora social, Carmen González. No mesmo abordaron o programa “Contigo Florece” que ten por obxectivo xerar conciencia de cultura de acollemento, capacitar ás persoas participantes e axudar ás familias acolledoras a previr e tratar as dificultades derivadas do acollemento familiar.
ACOUGO naceu da man dun grupo de familias de acollida que buscaba involucrarse en maior medida na defensa dos dereitos da infancia e adolescencia que están no sistema de protección público.