Será este xoves ás 20 h na Sala Municipal de Exposición. A obra foi editada e traducida por Laureano Alonso
O Concello de Tui, a través da concellería de Cultura, presentará este xoves, ás 20 h na Sala Municipal de Exposicións, á tradución ao galego do libro do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez. A obra titulada “Carmen de Cometa” foi traducida e editada por Laureano Alonso. Con este acto o Concello de Tui conmemora o CDI aniversario do falecemento de Francisco Sánchez, o 16 de novembro de 1623 na localidade francesa de Tolosa. O acto contará coa presenza de Laureano Alonso, tradutor da obra, e de Rafael Sánchez Bargiela, historiador.
O libro “Carmen de Cometa” editouse no ano 1578. Esta obra xunto a “Quod nihil scitur” (1581) son os únicos libros publicados en vida polo humanista tudense Francisco Sánchez. Este “Carmen de Cometa” é un longo poema escrito logo do paso dun cometa en xullo de 1577 que suscitou innumerables predicións. Sánchez pretendía desacreditar o carácter científico das predicións astrolóxicas, pois moitas delas consistían en anunciar cuestións relacionadas co obxecto da profesión médica, por exemplo, epidemias ou mortes de reis e empregou a forma poética para facer populares as súas críticas e combater con maior eficacia a superstición astrolóxica.
A tradución ao galego desta obriña sancheciana foi realizada polo profesor de latín e grego no ensino medio, Laureano Alonso Álvarez, que xa o ano pasado acometeu a tradución do tratado filósofico “Quod nihil scitur” co obxectivo de achegar a figura e a obra de Francisco Sánchez a un maior número de lectores contribuíndo así ao coñecemento deste egrexio tudense, unha figura senlleira do Renacemento europeo.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, agradece esta nova contribución de Laureano Alonso coa que se lembra o aniversario desta relevante personalidade tudense, que o Concello de Tui quere difundir como un dos referentes da nosa historia colectiva. Sonsoles Vicente subliña que é a primeira vez que esta obra, “Carmen de Cometa”, é traducida ao galego, resultando pois unha contribución singular á normalización da nosa lingua que promove o concello tudense.
Este acto terá lugar este xoves 14 de novembro ás 20,00 horas na Sala Municipal de Exposicións (Edificio “Francisco Sánchez”) e contará coa presenza do tradutor, Laureano Alonso Álvarez, que estará acompañado polo historiador Rafael Sánchez Bargiela.