A institución aclara que dispón de mecanismos de intervención plenamente operativos que xa foron aplicados con éxito en ocasións anteriores.
A Concellería de Igualdade ultima a aprobación dun novo Protocolo de Acoso, cuxo texto xa foi negociado coa representación sindical
Ante as informacións publicadas nos medios de comunicación en relación a un procedemento xudicial que afecta a persoal municipal, o Concello de Tui quere trasladar as seguintes consideracións co obxectivo de garantir a transparencia e o rigor institucional:
En primeiro lugar, o Concello manifesta o seu máximo respecto ao procedemento xudicial en curso e á presunción de inocencia de todas as persoas implicadas. Por responsabilidade institucional, a administración non realizará valoracións sobre feitos que están sendo obxecto de investigación, garantindo así a independencia do proceso.
En segundo lugar, cómpre aclarar que o Concello de Tui conta con mecanismos de intervención técnica en materia de persoal que están plenamente operativos e que xa foron aplicados con éxito en ocasións anteriores. Estes instrumentos permiten á administración actuar de oficio ou a instancia de parte para analizar e clarificar calquera incidencia, garantindo que as relacións laborais se desenvolvan conforme á normativa e ao principio de obxectividade.
A Concellería de Igualdade mantén un compromiso firme coa actualización permanente das ferramentas municipais de protección. Froito deste traballo, o pasado mes de decembro de 2025 aprobouse por unanimidade o IV Plan de Igualdade entre homes e mulleres, un fito estratéxico para a institución.
Nesta liña de avance constante, o Concello atópase na fase final para a aprobación dun novo Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso Laboral e Sexual, cuxo texto xa foi negociado e consensuado coa representación sindical.
Así mesmo, dende a Concellaría de Igualdade iniciáronse os trámites para a elaboración do I Plan de Igualdade específico para os traballadores e traballadoras municipais, que incluirá a realización de avaliacións de riscos psicosociais, co obxectivo de consolidar un marco de traballo onde a seguridade, a igualdade de trato e a responsabilidade no desempeño das funcións públicas sexan piares fundamentais.
O Concello de Tui reitera a súa vontade de seguir traballando nun entorno laboral seguro e profesional, garantindo o equilibrio entre os dereitos do persoal e a excelencia na prestación dos servizos á cidadanía.



