HomePontevedraBaixo MiñoO Concello de Tui reivindica a figura de Francisco Sánchez traducindo ao...

O Concello de Tui reivindica a figura de Francisco Sánchez traducindo ao galego a súa obra

- Anuncio -spot_img

O luns ás 20 h presentarase “Sobre a brevidade e duración da vida” polo seu tradutor Laureano Alonso

O Concello de Tui segue promovendo o coñecemento da traxectoria do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, de quen se cumpre este domingo, 16 de novembro, o 402 aniversario do seu falecemento na cidade francesa de Tolosa. Faino coa tradución ao galego das súas principais.

En  2023, no marco das celebración do cuarto centenario da súa morte, o profesor de latín e grego, Laureano Alonso Álvarez, traduciu a principal obra de Francisco Sánchez: “Quod nihil scitur” (1581). Foi a primeira vez que esta importante obra da filosofía europea do Renacemento era traducida integramente ao galego. O ano pasado foi coa obra editada en vida por Francisco Sánchez, “Carmen de cometa” (1576), unha crítica á astroloxía e a superstición.

Este ano o profesor Laureano Alonso Alvarez aborda a tradución doutra obra sancheciana, “Libro sobre a duración e brevidade da vida”, que xa fora traducido parcialmente ao español polo profesor Carlos Mellizo, da Universidade de Wisconsing, un dos grandes especialistas na vida e obra do tudense, nunha edición do Museo e Arquivo Diocesano de Tui no ano 1982.

Este labor de tradución que ven realizando o profesor Laureano Alonso ten como obxectivo espallar o coñecemento da figura e a obra de Francisco Sánchez entre a cidadanía tudense e todos aqueles interesados en achegarse a traxectoria dun dos máis grandes pensadores galegos ao longo dos séculos e que sofre un inxusto descoñecemento. Engade que o seu pensamento segue sendo de actualidade ao acometer unha reflexión sen apriorismos e baseada na experiencia.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, expresa o seu convencemento en que “esta publicación contribuirá á difusión do pensamento do noso filósofo, a incrementar o seu coñecemento pola cidadanía, a reafirmar o noso orgullo de pertenza a esta cidade, na que Francisco Sánchez naceu e  viviu os anos da infancia e primeira mocidade, un tempo que marcou a súa personalidade”.

A presentación da tradución do “De longitudine et brevitate vitae liber” terá lugar o próximo luns 17 de novembro ás 20 h no Edificio Francisco Sánchez de Tui. Contará coa asistencia do tradutor, Laureano Alonso, o historiador e secretario do Instituto de Estudios Tudenses, Rafael Sánchez e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

Francisco Sánchez “O Escéptico”

Francisco Sánchez, coñecido como “O escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.

Naceu en Tui, posiblemente en 1550, como el mesmo asinou  na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentado nesta localidade o seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmente en Tolosa (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623.

Publicacións Relacionadas